Novas

O SALÓN DE ACTOS DO CONCELLO ACOLLERÁ UNHA CHARLA SOBRE A PREVENCIÓN DE ATROPELOS A PEÓNS O VINDEIRO XOVES, DÍA 13. OS ASISTENTES RECIBIRÁN DE AGASALLO UN CHALECO REFLECTANTE

Lourenzá, 6 de febreiro de 2014. O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá acollerá unha charla sobre a prevención de atropelos a peóns o vindeiro xoves, día 13, ás once e media da mañá. Os asistentes recibirán de agasallo un chaleco reflectante.

No acto daranse pautas para pasear coas axeitadas medidas de visibilidade e seguridade co fin de evitar atropelos nos distintos tipos de vías.

A charla está organizada pola Dirección General de Tráfico do Ministerio del Interior, pola Guardia Civil de Tráfico e polo Concello de Lourenzá.

A CONCELLERÍA DE CULTURA ORGANIZA UN CICLO DE TEATRO QUE SE DESENVOLVERÁ OS DOMINGOS 9, 16 E 23 DESTE MES NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DO CONCELLO. EMPEZARÁ CUNHA REPRESENTACIÓN A CARGO DA COMPAÑÍA DA ASOCIACIÓN VEA, DE BARREIROS

Lourenzá, 5 de febreiro de 2014. A Concellería de Cultura de Lourenzá organiza un ciclo teatro denominado Febreiro teatreiro, que se desenvolverá os domingos 9, 16 e 23 deste mes no salón de actos da Casa do Concello. A representación deste vindeiro domingo será ás sete da tarde e correrá a cargo da compañía da asociación VEA, de Barreiros, que ofrecerá a obra Curtas humorísticas. O prezo da entrada é de un euro.

LOURENZÁ PARTICIPARÁ NO MACROENTROIDO QUE SE CELEBRARÁ EN SANTIAGO ESTE DOMINGO ORGANIZADO POLA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA, NO QUE PARTICIPARÁN OS CARNAVAIS MÁIS FAMOSOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA

Lourenzá, 4 de xaneiro de 2014. Lourenzá participará no macroentroido que se celebrará en Santiago de Compostela este vindeiro domingo, día 9 de febreiro, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia, evento no que participarán os Carnavais máis famosos da comunidade autónoma. O Concello e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá (ACIAL) darán a coñecer o desfile do Domingo de Piñata e os atractivos do municipio.

ENTREGADOS OS PREMIOS DO CERTAME DE POESÍA DE NADAL 2013 DA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL JUANA DE IBARBOUROU

Lourenzá, 31 de xaneiro de 2014. Os premiados no certame de poesía de Nadal 2013 da biblioteca pública municipal Juana de Ibarbourou, de Lourenzá, recibiron os seus agasallos e diplomas.

No acto participaron a alcaldesa, Emma Álvarez; a concelleira de Cultura e presidenta do xurado, Lupe Flórez; a técnica de Cultura, bibliotecaria e secretaria do xurado, María José López; a educadora familiar, Dolores Villasuso, que tamén formou parte do xurado, no que ademais estaba a traballadora social, Pepa García, que non puido asistir á entrega de premios.

O CONCELLO OFERTA UN EMPREGO TEMPORAL PARA CUBRIR A BAIXA DUNHA TÉCNICA DE EDUCACIÓN INFANTIL NO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA. A ALCALDESA EXPLICA QUE É PRECISO PARA SEGUIR OFRECENDO OS SERVIZOS DO PAI DE 8 A 20 HORAS

Lourenzá, 30 de xaneiro de 2014. O Concello de Lourenzá oferta un emprego temporal para cubrir a baixa dunha técnica de educación infantil no Punto de Atención á Infancia. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen explica que é preciso para seguir ofrecendo os servizos do PAI de 8 a 20 horas.