Novas

LOURENZÁ CONVERTERASE DURANTE O MES DE NOVEMBRO NA CAPITAL DO TEATRO AFECCIONADO DE GALICIA. NO CERTAME ORGANIZADO POLO CONCELLO PARTICIPARÁN 17 GRUPOS

Dezasete compañías ou grupos de teatro afeccionado competirán en Lourenzá por acadar o premio Conde Santo na segunda edición do Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá, que se celebrará no vindeiro mes de novembro. Participarán na fase de selección sete compañías da Mariña, dúas do Occidente asturiano, outras dúas da cidade de Lugo e unha de cada unha destas localidades: Chantada, Sarria, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Vigo.

O PROGRAMA DA XXVIII FESTA DA FABA DE LOURENZÁ, QUE SE CELEBRARÁ DO 5 AO 7 DE OUTUBRO, INCLÚE DEGUSTACIÓNS, CONCERTOS, VIAXES NO TREN TURÍSTICO, SHOWCOOKING, ACTIVIDADES INFANTÍS E CONCENTRACIÓNS DE VEHÍCULOS CLÁSICOS

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, presentou hoxe a programación da XXVIII edición da Festa da Faba de Lourenzá, que se celebrará dos días 5 ao 7 de outubro. As actividades inclúen a venda de fabas, degustacións, tapas elaboradas con esta leguminosa, showcooking, actividades infantís, os concertos musicais de Tumba e Dalle e A Roda e concentracións de vehículos clásicos, entre outras propostas. O pregón será o sábado ás 12:00 horas e correrá a cargo da xornalista Marta Docampo. A rexedora convida a asistir a esta cita.

A IV CONCENTRACIÓN VESPAFABA E CLÁSICOS LOURENZÁ CELEBRARASE DO 5 AO 7 DE OUTUBRO COINCIDINDO COA FESTA DA FABA

A cuarta edición da Concentración VespaFaba e Clásicos Lourenzá terá lugar do 5 ao 7 de outubro, coincidindo coa celebración da Festa da Faba. Haberá rutas polo val e polos municipios de Xove, Trabada e Riotorto, ademais de xincana, trofeos, agasallos e os asistentes gozarán da gastronomía local. O evento foi presentado en Lourenzá cun acto no que participou a alcaldesa, Rocío López.