Novas

Novas do Concello

O CONCELLO SÚMASE, POR TERCEIRO ANO CONSECUTIVO, Á CAMPAÑA EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS CON ACTIVIDADES QUE SE DESENVOLVERÁN ESTE DOMINGO, DÍA 24, NO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO MUNICIPAL.

Lourenzá, 20 de novembro de 2019. O Concello de Lourenzá súmase, por terceiro ano consecutivo, á campaña En negro contra as violencias con actividades que se desenvolverán este domingo, día 24, no pavillón polideportivo municipal a partir das 17:00 horas. Os actos foron presentados pola alcaldesa, Rocío López; a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra; a concelleira de Deportes, Sonia Gavino; e a adestradora da sección de patinaxe das Escolas Deportivas Lourenzá, Tania Irimia.

ESTE VENRES, DÍA 15, REANÚDANSE AS REPRESENTACIÓNS DO III CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO CONCELLO DE LOURENZÁ

Este venres, día 15, o grupo de teatro Touporroutou, de Foz, representará no III Certame de Teatro de Lourenzá a obra Comedia bífida. E o sábado 16 será o grupo Carauta Teatro, de Santiago, o que se subirá ao escenario laurentino coa obra Un!dous!tres!. As dúas representacións terán lugar no salón de actos do Concello ás 20:30 horas.

O domingo 17 non haberá representación debido á viaxe que organiza o Concello de Lourenzá a Casar de Periedo (Cantabria), onde participará como concello invitado na XV Feria de la Alubia y la Hortaliza.

O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UNHA VIAXE Á XV FERIA DE LA ALUBIA Y LA HORTALIZA EN CASAR DE PERIEDO (CANTABRIA)

Preto dun centenar de veciños acompañarán o próximo domingo, 17 de novembro, á alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, a participar como concello invitado na XV Feria de la Alubia y la Hortaliza en Casar de Periedo, localidade do concello de Cabezón de la Sal (Cantabria). A viaxe inclúe degustación do cocido montañés.

Ademais de Lourenzá, nese evento participarán como concellos invitados os de La Bañeza (León), Saldaña (Palencia) e Arnuero (Cantabria).

O CONCELLO OFRECE SERVIZOS DE PODOLOXÍA E FISIOTERAPIA A DOMICILIO GRATUÍTOS PARA MAIORES E DEPENDENTES

Lourenzá, 24 de outubro de 2019. A Concellería de Servizos Sociais de Lourenzá amplía os servizos a persoas dependentes e de libre concorrencia ofrecendo podoloxía e fisioterapia gratuítos para todos os usuarios.

Esta semana a concelleira Mercedes Dengra e a técnico social visitaron aos usuarios para ofrecer estes novos servizos, que teñen moi boa acollida. A partir do vindeiro mes de novembro un especialista en podoloxía e outro en fisioterapia realizarán estes servizos a domicilio.

A PRAZA DO CONDE SANTO ACOLLERÁ UN ACTO PARA CELEBRAR O DÍA DA BIBLIOTECA ESTE XOVES

Este xoves, día 24, ás 12:30 horas, co gallo da celebración do Día da Biblioteca, a biblioteca municipal Juana de Ibarbourou e a do CEIP Juan Rey celebrarán un acto conxunto na Praza do Conde Santo onde se lerá un manifesto e O conto máis longo do mundo, escrito e ilustrado polos alumnos e alumnas do colexio laurentino.

O Concello de Lourenzá obsequiará aos nenos e nenas participantes con agasallos conmemorativos do día.

Distribuir contido