Novas

Novas do Concello

A Casa do Concello acolleu hoxe o fallo do Concurso de Fotografía para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente

Lourenzá, 5 de xuño de 2013. O xurado do concurso de fotografía para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente en Lourenzá reuniuse hoxe para elixir aos mellores dos 77 traballos presentados. Todos eles serán expostos e os premios entregaranse o día 11 deste mes ás oito da tarde no salón de actos do Concello, onde a continuación haberá unha charla sobre a conservación da natureza a cargo de Miguel Delibes de Castro.

Sesión de contacontos "Violeta, a carteira bolboreta", que se desenvolveu hoxe nas instalacións do colexio Juan Rey

Hoxe tivo lugar a sesión de contacontos titulada "Violeta, a carteira bolboreta", nas instalacións do colexio Juan Rey, de Lourenzá, a cargo de Mau e Pin, que son os autores da colección de libros Polo correo do vento. O obxectivo desta actividade, incluída no programa da Semana do Medio Ambiente, era inculcar aos nenos que deben respectar o medio ambiente. Mau e Pin contaron a historia e ao mesmo tempo fixeron as ilustracións nuns murais que será coloreados polos nenos.

A Casa da Cultura acolleu a entrega de premios do Certame de Narración e Debuxo convocado pola Biblioteca Municipal para conmemorar o Día das Letras Galegas 2013

Lourenzá, 1 de xuño de 2013. O acto de entrega de agasallos e diplomas aos premiados no certame de narración e debuxo convocado pola biblioteca municipal Juana de Ibarbourou, de Lourenzá, tivo lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura do Concello e as encargadas de dar os premios foron a alcaldesa, Emma Álvarez; a concelleira de Cultura e presidenta do xurado, Lupe Flórez; e a bibliotecaria e secretaria do xurado, María José López.

A exposición da Xunta sobre o cooperativismo que estivo nos locais da lonxa hortoflorícola recibiu unhas 200 visitas. Os alumnos dun curso de albanelería e riscos laborais estiveron na mostra

Lourenzá, 1 de xuño de 2013. A exposición sobre cooperativismo que tivo instalada a Xunta de Galicia nos locais da lonxa hortoflorícola de Lourenzá recibiu unhas 200 visitas, entre elas a dos alumnos dun curso de albanelería e riscos laborais impartido a finais do ano pasado, que ademais recibiron os diplomas por participar nesa actividade formativa.

A alcaldesa segue sen lograr que a reciba o vicepresidente primeiro da Deputación, que tampouco a atende por teléfono dende hai seis meses. Antonio Veiga non asiste aos actos que se celebran no municipio a pesar de ser invitado polo Concello

Lourenzá, 31 de maio de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, segue sen lograr que a reciba o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga, que tampouco atende as chamadas telefónicas da rexedora dende hai seis meses nin asiste aos actos que se celebran no municipio a pesar de ser invitado polo Concello. A alcaldesa lembra que fai mes e medio Veiga respondeulle a través dos medios de comunicación que a recibiría pero segue sen saber cando se celebrará a xuntanza.

A praza do Conde Santo acollerá o 4 de xuño unha sesión de contacontos a cargo de Mau e Pin, que son os autores da colección “Polo correo do vento”

Lourenzá, 29 de maio de 2013. A praza do Conde Santo acollerá o vindeiro martes, día 4 de xuño, unha sesión de contacontos a cargo de Mau e Pin, que son os autores da colección de libros Polo correo do vento. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, quen tamén de a coñecer os premios do concurso escolar de fotografía para conmemorar o Día do Medio Ambiente. Son unha bicicleta, un patinete, unha cámara de fotos dixital e un libro electrónico.

O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá acolleu onte unha charla sobre as sociedades de fomento forestal

O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá acolleu onte unha charla sobre as sociedades de fomento forestal, que organizou o Concello. A alcaldesa, Emma Álvarez, fixo un balance positivo da cantidade de público que houbo no acto e comentou que algúns dos asistentes propuxeron que se fixeran concentracións de montes públicas en vez de promover estas agrupacións de propietarios voluntarias que levan consigo unha concentración privada do terreo.

A Delegada Territorial da Xunta destaca o impulso ao cooperativismo por parte da administración autonómica na inauguración dunha mostra sobre este tema na lonxa hortoflorícola

Lourenzá, 28 de maio de 2013. A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou esta mañá o impulso ao cooperativismo por parte da Xunta durante a inauguración da exposición sobre este tema que se pode visitar dende hoxe ata o venres, día 31, na lonxa hortoflorícola de Lourenzá.

Distribuir contido