Novas

A exposición da Xunta sobre o cooperativismo que estivo nos locais da lonxa hortoflorícola recibiu unhas 200 visitas. Os alumnos dun curso de albanelería e riscos laborais estiveron na mostra

Lourenzá, 1 de xuño de 2013. A exposición sobre cooperativismo que tivo instalada a Xunta de Galicia nos locais da lonxa hortoflorícola de Lourenzá recibiu unhas 200 visitas, entre elas a dos alumnos dun curso de albanelería e riscos laborais impartido a finais do ano pasado, que ademais recibiron os diplomas por participar nesa actividade formativa.

A alcaldesa segue sen lograr que a reciba o vicepresidente primeiro da Deputación, que tampouco a atende por teléfono dende hai seis meses. Antonio Veiga non asiste aos actos que se celebran no municipio a pesar de ser invitado polo Concello

Lourenzá, 31 de maio de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, segue sen lograr que a reciba o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga, que tampouco atende as chamadas telefónicas da rexedora dende hai seis meses nin asiste aos actos que se celebran no municipio a pesar de ser invitado polo Concello. A alcaldesa lembra que fai mes e medio Veiga respondeulle a través dos medios de comunicación que a recibiría pero segue sen saber cando se celebrará a xuntanza.

A praza do Conde Santo acollerá o 4 de xuño unha sesión de contacontos a cargo de Mau e Pin, que son os autores da colección “Polo correo do vento”

Lourenzá, 29 de maio de 2013. A praza do Conde Santo acollerá o vindeiro martes, día 4 de xuño, unha sesión de contacontos a cargo de Mau e Pin, que son os autores da colección de libros Polo correo do vento. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, quen tamén de a coñecer os premios do concurso escolar de fotografía para conmemorar o Día do Medio Ambiente. Son unha bicicleta, un patinete, unha cámara de fotos dixital e un libro electrónico.