Novas

A Alcaldesa xestionou na Xunta o apoio das Consellerías de Medio Rural e de Traballo para crear unha cooperativa comercializadora de Faba de Lourenzá

Lourenzá, 7 de xuño de 2013. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, mantivo unha reunión en Santiago co director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, e co secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto; para promover a creación en Lourenzá dunha cooperativa que comercialice a faba da Mariña lucense a través da marca Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá.

A Casa do Concello acolleu hoxe o fallo do Concurso de Fotografía para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente

Lourenzá, 5 de xuño de 2013. O xurado do concurso de fotografía para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente en Lourenzá reuniuse hoxe para elixir aos mellores dos 77 traballos presentados. Todos eles serán expostos e os premios entregaranse o día 11 deste mes ás oito da tarde no salón de actos do Concello, onde a continuación haberá unha charla sobre a conservación da natureza a cargo de Miguel Delibes de Castro.

Sesión de contacontos "Violeta, a carteira bolboreta", que se desenvolveu hoxe nas instalacións do colexio Juan Rey

Hoxe tivo lugar a sesión de contacontos titulada "Violeta, a carteira bolboreta", nas instalacións do colexio Juan Rey, de Lourenzá, a cargo de Mau e Pin, que son os autores da colección de libros Polo correo do vento. O obxectivo desta actividade, incluída no programa da Semana do Medio Ambiente, era inculcar aos nenos que deben respectar o medio ambiente. Mau e Pin contaron a historia e ao mesmo tempo fixeron as ilustracións nuns murais que será coloreados polos nenos.

A Casa da Cultura acolleu a entrega de premios do Certame de Narración e Debuxo convocado pola Biblioteca Municipal para conmemorar o Día das Letras Galegas 2013

Lourenzá, 1 de xuño de 2013. O acto de entrega de agasallos e diplomas aos premiados no certame de narración e debuxo convocado pola biblioteca municipal Juana de Ibarbourou, de Lourenzá, tivo lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura do Concello e as encargadas de dar os premios foron a alcaldesa, Emma Álvarez; a concelleira de Cultura e presidenta do xurado, Lupe Flórez; e a bibliotecaria e secretaria do xurado, María José López.