A ALCALDESA EXPLICA QUE SE SUPRIMIRON AS REDES SOCIAIS MUNICIPAIS PORQUE O CONCELLO TEN QUE SER UNHA INSTITUCIÓN SERIA E RESPECTABLE. NA PÁXINA WEB OFICIAL OS CIDADÁNS PODEN INFORMARSE E FACER CONSULTAS AO GOBERNO LOCAL

Lourenzá, 8 de xullo de 2015. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, explica que se suprimiron as redes sociais municipais porque o Concello ten que ser unha institución seria e respectable e na páxina web oficial os cidadáns poden informarse e facer consultas ao goberno local a través dun buzón de suxerencias. 

A rexedora local explicou que o grupo de goberno decidiu eliminar as páxinas de facebook e twitter municipais porque “cremos que o Concello ten que ser unha institución seria e respectable. Nós non vamos gobernar a través do facebook nin de ningunha outra rede social e todo que se faga en Lourenzá poden velo na páxina web oficial do Concello, que é seria e transparente, onde os cidadáns de Lourenzá poden consultar todos os asuntos do municipio. E ademais abrimos un buzón de consultas, onde cada cidadán pode formular as preguntas que considere oportunas acerca de calquera tema; esas preguntas recíboas eu persoalmente e eu mesma encárgome de contestar a cada unha delas”.

Rocío López engadiu: “prometéramos que íamos gobernar dun xeito serio e transparente e con esta primeira medida empezamos a sentar as bases para facelo así. Ademais acabamos de crear a Concellería de Participación Cidadá e estamos a traballar nun regulamento para por en marcha as comisións veciñais que, xunto coas asociacións do municipio, serán as canles de participación dos veciños na vida municipal”. 

Por outra parte, o goberno municipal socialista agradece ao grupo popular “a súa preocupación por manter informados aos veciños do concello, pero lamentamos que este interese sexa repentino e que estas ansias de información non as tiveran durante a campaña electoral para contarlle aos veciños a débeda que lle deixaron ao novo goberno pola reparación de pistas, que ascende a máis de 23.000 euros. ¿A iso se refiren cando falan de ocultismo?”