EMMA ÁLVAREZ FIXO HOXE BALANCE DOS SEUS DOUS ANOS E MEDIO NA ALCALDÍA E DESÉXALLE ÉXITO A NOVA REXEDORA

Lourenzá, 12 de xuño de 2015. A alcaldesa de Lourenzá en funcións, Emma Álvarez Chao, fixo hoxe balance dos seus dous anos e medio como rexedora e deséxalle éxito á nova, que tomará posesión do cargo mañá, sábado.

Emma Álvarez empezou explicando que “hoxe ponse fin a unha etapa da miña vida onde o azar fixo que durante dous anos e medio fora alcaldesa do meu concello. Foi unha etapa difícil, con moitos factores en contra; os principais: un equipo que, aínda que formaba parte del, non fora elixido por min e ao cal intentei adaptarme ata o último día. Se ben en parte encaixamos ao cen por cen, por outro lado as diferenzas eran notorias e palpables. Non obstante agradezo publicamente o traballo realizado por cada un deles. Outro factor importante foi a conxuntura económica e o terceiro, o peso de no ser alcaldesa electa, algo que puido nestes dous anos e medio en todas as decisións que tomei como alcaldesa. Pero foi un reto persoal estar á altura das circunstancias, mantendo todos os servizos do Concello, reducindo nun 300 por cen o período de pago a provedores e estando ao lado de todos os veciños resolvendo problemas sen discriminacións nin prexuízos”.

A alcaldesa en funcións engadiu que “non foron tempos fáciles, pero con traballo, traballo e máis traballo estes dous últimos anos conseguimos traer investimentos a Lourenzá. Non falamos de grandes obras, pero si as necesarias para contribuír a mellorar o noso concello: remodelouse o pavimento da avenida de Soutelo; complementáronse servizos nas rúas Fernández del Riego e Muíño do Frade; dotouse ao colexio público de ascensor e baño para persoas con discapacidade; temos a primeira ruta de sendeirismo que percorre o concello; outra ruta máis corta polo casco urbano, que é o roteiro literario dedicado a Fernández del Riego; modernizamos o Concello coa instalación da intranet local e unha app para que os veciños poidan notificar incidencias; o saneamento do núcleo de Requeixo queda en marcha; fixemos melloras de eficiencia enerxética en catro alumeados públicos; melloramos a rede viaria municipal; tivemos dous obradoiros de emprego e temos un terceiro xa concedido; aumentamos as horas de atención a dependentes; mantemos todos os servizos e esforzámonos en facer o mantemento das infraestruturas municipais con tan só tres operarios de servizos múltiples; promovemos a Faba de Lourenzá; fomentamos a creación dunha cooperativa comercializadora de faba, á cal queda xa adxudicado o local da antiga lonxa, que levaba varios anos en desuso; promovemos os recursos patrimoniais; conseguimos reducir o período de pago a provedores de case 300 días a 10. E todo isto con moito esforzo e sen deixar de ter presentes anos máis novos do concello, subvencionando as escolas deportivas, adaptando os parques infantís á normativa vixente e tratando de celebrar, con moitas doses de enxeño e a poder ser custe cero, os días máis destacados no calendario”.

Álvarez Chao comentou tamén que “ao futuro equipo de goberno deixámoslle en marcha xestións importantes para o Concello: nos vindeiros días asinarase coa Secretaría Xeral para o Deporte para remodelar o chan do polideportivo para poñelo de parqué; queda en marcha a elaboración dun inventario de camiños municipais, clave para a aplicación da ordenanza de camiños, sobre todo no eido forestal; neste senso deixamos varios expedientes abertos a madeiristas pola mala xestión das pistas municipais; tamén este inventario será un punto clave para o desenvolvemento do PXOM. A Secretaría Xeral de Montes iniciará nos vindeiros días as obras de reconstrución da escollera que dá acceso ao núcleo da Tilleira; dende Infraestruturas Agrarias levantaranse as dúas pontes que temos cortadas a día de hoxe, en Santo Tomé e San Adriano, que caeran despois das últimas riadas. Neste caso pedimos axuda á Deputación de Lugo e nin tan sequera se dignou a darnos resposta, unha vez máis foi a Xunta de Galicia a que estivo ao lado da xente de Lourenzá cando tivemos un problema”.

A rexedora destacou ademais que “deixamos toda a documentación entregada para que se acometan as obras de reforma por parte de Augas de Galicia na EDAR de San Xorxe, construída no ano 2010 e que desde setembro de 2012, que levo ao fronte do Concello, non fun capaz de poñer en funcionamento por deficiencias á hora da construción. Paralelo a isto deixamos adxudicados os traballos para o selado dos pozos de saneamento que filtran auga; desta maneira poderemos dar cobertura a vivendas en Santo Tomé e San Adriano que aínda non están enganchadas á rede xeral. Isto forma parte da subvención do fondo de compensación concedida pola Xunta de Galicia e mediante a cal deixamos comprado un tractor cortacéspede, que xa está en uso, e tamén contratado a un traballador por 6 meses para labores medioambientais. Temos concedida outra subvención da Xunta de Galicia e xa mandamos a invitación a 5 empresas para a execución da mesma. Farase unha pista de pádel ao carón do campo de fútbol de Santa Cruz e cambiarase o teito do ximnasio municipal. Ademais arranxarase o camiño rural que dende o campo da festa de Santo Tomé une o mesmo coa estrada da Deputación. Deixamos renovada a marca Festa da Faba e posto en marcha un obradoiro de emprego de carpintería e xardinaría, co que fará o mantemento de todo o mobiliario de madeira do Concello e dotarase ao cemiterio de San Adriano de aparcadoiro municipal”.

Emma Álvarez engadiu que “temos pendentes de reposta tres subvencións, que xa están tramitadas: unha para a pavimentación do recinto feiral, outra para a mellora de eficiencia enerxética nun alumeado público e outra de turismo para crear unha aplicación informática para móbiles da ruta de sendeirismo Val de Lourenzá, que inauguramos o pasado domingo”.

“Fixemos todo isto e a día de hoxe o arqueo efectuado pola interventora do Concello ascende a 309.256,98 euros en contas bancarias, sendo o 14 de setembro do 2012 de 313.564,42 euros. É dicir, a xestión feita pódese avalar con estes números”, manifestou a alcaldesa en funcións, que comentou tamén que “con todo isto o traballo por Lourenzá e pola xente de Lourenzá non o damos por rematado aquí. Faremos unha oposición seria e responsable e continuaremos as xestións coa Xunta de Galicia e co Goberno do Estado que deixamos iniciadas, así como todas cantas consideremos oportunas para contribuír a mellorar o noso concello”.

E Álvarez Chao rematou: “só me queda desexarlle moito éxito á nova alcaldesa e ao seu equipo, que será éxito para Lourenzá e tamén para todos nós como veciños”.