Empezou a traballar a comisión creada para elaborar o escudo do concello da que forman parte representantes políticos e das asociacións do municipio

Lourenzá, 14 de xuño de 2013. A comisión creada para elaborar o escudo do Concello de Lourenzá, formada por representantes políticos e das asociacións dos municipio, celebrou a primeira xuntanza de traballo, na se formularon varias propostas. Contou coa presenza do presidente e do vicepresidente da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia, Norberto Uzal e Eduardo Pardo de Guevara.


A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, lembrou esta mañá que “como xa se dixo en varias ocasións o Concello de Lourenzá a día de hoxe non ten un escudo, o que estamos utilizando como tal ten a categoría de selo ou de logo, posto que para que fora recoñecido como escudo tería que, a finais do século XIX, terse mandado ao Ministerio para transformar o selo en escudo. A día de hoxe estamos nunha situación irregular posto que estamos utilizándoo en membretes oficiais cando en realidade teríamos que estar usando o escudo do Reino de España”.

“No día de onte tivemos a primeira reunión para a comisión do escudo, á que asistiu Norberto Uzal, que é o director xeral de Administración local e ao mesmo tempo é o presidente da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia. E tamén nos acompañou Eduardo Pardo de Guevara, que é o vicepresidente e asesor desa comisión heráldica e forma parte do Consello Superior de Investigacións Científicas e é o presidente do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento”, explicou Emma Álvarez.

A rexedora municipal aclarou que “para formar parte desta comisión invitamos a todas as asociacións do concello e aos grupos políticos. Tivemos contestación de 15 persoas, tres delas de grupos políticos e o resto de asociacións. Destes ao final non asistiu á reunión o portavoz do BNG, César Docampo, que se escusou por temas de saúde, e tampouco acudiron as asociacións Faiscas de San Adriano, Valdeflores e Promalou. Tamén recibimos por escrito a notificación da Anpa do colexio, que non quería formar parte desta comisión, e tamén nolo comunicou, aínda que verbalmente, a asociación Osorio Gutiérrez”. Polo tanto na xuntanza de onte estiveron presentes a alcaldesa; Rocío López García, como portavoz do Partido Socialista; Guadalupe Flórez, como portavoz do Partido Popular; e representantes das seguintes asociacións: Conde Santo, a de comerciantes ACIAL, Terras de Tovar, de amas de casa e consumidores Baos, de veciños de San Adriano, de sendeirismo Terras de Lourenzá, o director do colexio Juan Rey en nome do sector educativo, as escolas deportivas e a asociación de veciños o Refuxio, de San Xorxe.

Para Emma Álvarez a principal conclusión que sacaron na reunión “foi que estamos sen escudo, porque a finais do século XIX soamente tiñan condición de escudo os dos concellos de Allariz e de Betanzos; o resto todos tiñan que ter mandado os seus selos ao Ministerio para convertelos en escudos e todos aqueles que non o fixeron tiveron distintos trámites ao longo da historia. No noso caso estamos utilizando un selo ou logotipo sobre o que onte mesmo Pardo de Guevara nos dicía que a ponte que figura non é nin tan sequera identificativa dunha ponte dun río senón que é para identificar aos peóns camiñeiros. Co cal estámonos vendo representados por unha ponte que na heráldica non é a Ponte da Pedra, tal como nosoutros pensábamos. E a coroa que ten arriba fai alusión ao Conde Santo, algo que en heráldica non poderíamos utilizar porque é un estereotipo que fai referencia á liñaxe dos Osorio e nós, como Concello, non poderíamos usar esa coroa”.

“Lourenzá é unha terra cargada de historia e cómpre que teña un escudo acorde a ela. Onte recolléronse unha serie de suxestións por parte desta comisión, como por exemplo ter presente o sarcófago do Conde Santo; o paxaro, porque moito tempo nesta vila fomos coñecidos coma os do paxaro; poder seguir pelexando por ter unha ponte dun só arco en simboloxía de que a vila da Ponte foi quizais anterior ao mosteiro de San Salvador; outros temas coma por exemplo o báculo abacial ou en representación da agricultura falouse de que agora mesmo, na proposta que nos facía Pardo de Guevara , había unhas espigas de trigo facendo alusión ao carácter agrícola do concello e houbo propostas para intentar cambiar esas espigas de trigo por matas de planta de faba”, explicou a rexedora, quen destacou que “polo tanto recolléronse moitas suxestións e foi unha comisión moi positiva e posiblemente nun par de meses teñamos xa a seguinte reunión desta comisión para analizar outros bosquexos que Pardo de Guevara nos vai facer. E a intención que temos é non cambiar o logotipo que hai e non aprobar un escudo sempre que os veciños de Lourenzá non se sintan representados nese escudo, que a final de contas é como unha vitrina para o resto da xente. E sobre todo nosoutros, como veciños, temos que vernos identificados nel”.