Novas

Novas do Concello

O SALÓN DE ACTOS DO CONCELLO ACOLLERÁ MAÑÁ, XOVES, UNHA CHARLA SOBRE O CULTIVO DA FABA A CARGO DO XEFE DO LABORATORIO AGRARIO DE MABEGONDO

Lourenzá, 15 de xaneiro de 2014. O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá acollerá mañá, xoves, día 16 de xaneiro, ás once da mañá unha charla sobre o cultivo da faba a cargo do xefe do laboratorio agrario de Mabegondo, Jesús Collar Urquijo.

Esta actividade está organizada pola oficina agraria comarcal de Mondoñedo, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, coa colaboración do Concello de Lourenzá e da cooperativa Terras da Mariña.

A ALCALDESA PARTICIPOU NA CONCENTRACIÓN CELEBRADA ESTE MEDIODÍA EN CERVO EN REPULSA Á VIOLENCIA DE XÉNERO POLO SUCESO ACONTECIDO EN SAN CIBRAO. EMMA ÁLVAREZ TRASLADOU A CONSTERNACIÓN DOS VECIÑOS DE LOURENZÁ

Lourenzá, 15 de xaneiro de 2014. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, participou este mediodía na concentración convocada polo Concello de Cervo en repulsa á violencia de xénero polo suceso acontecido en San Cibrao no que faleceron dúas mulleres, unha nai e a súa filla.

A rexedora municipal trasladou a consternación dos veciños de Lourenzá porque o presunto homicida é natural deste municipio, concretamente da parroquia de San Adriano.

GAÑADORES CERTAME DE POESÍA DE NADAL 2013

Esta é a lista de premiados na biblioteca municipal de Lourenzá do certame local Poesía de Nadal 2013, que fixo pública o xurado do mesmo. A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, explica que os seleccionados nesta fase local participarán na provincial que organiza a Biblioteca Provincial de Lugo para a que desexa boa sorte aos nenos/as laurentinos, todos eles alumnos do C.E.I.P. Juan Rey.

A ASOCIACIÓN DE SENDEIRISMO TERRAS DE LOURENZÁ ORGANIZA A RUTA DO FERROCARRIL (VÍA VERDE), EN A PONTENOVA, PARA O DÍA 19 DE XANEIRO

A Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá bota de novo a andar no 2014. Para iniciar este novo ano vamos recorrer a Ruta do Ferrocarril (Vía Verde), en A Pontenova, unha distancia duns 12 km e de dificultade baixa. Sairemos ás 09:30 horas do Cantón de Vilanova de Lourenzá, e voltaremos para comer nas nosas casas. Recoméndase levar foco xa que hai que atravesar algún túnel.

TRAS O ÉXITO ACADADO HAI UNS DÍAS O GRUPO DE TEATRO INFANTIL DE LOURENZÁ REPRESENTARÁ DE NOVO A OBRA TELELOURENZÁ O VINDEIRO DOMINGO, 12 DE XANEIRO, ÁS SEIS DA TARDE NO SALÓN DE ACTOS DO CONCELLO

Lourenzá, 8 de xaneiro de 2014. O grupo de teatro infantil de Lourenzá representará de novo a obra TeleLourenzá o vindeiro domingo, 12 de xaneiro, ás 18 horas no salón de actos do Concello. Esta nova posta en escena está dirixida ás persoas que quedaron sen vela o pasado 5 de xaneiro, segundo explicou esta mañá a concelleira de Cultura, Lupe Flórez.

APARECERON TRES CABALOS SEN IDENTIFICACIÓN MORTOS, PRESUNTAMENTE POR DISPAROS DE RIFLE, NA PARROQUIA DE SAN ADRIANO. FOI DENUNCIADO NO CONCELLO, QUE LLO COMUNICOU AOS SERVIZOS VETERINARIOS DA XUNTA E AVISARON AO SEPRONA PARA QUE INVESTIGUE O OCORRIDO

Lourenzá, 8 de xaneiro de 2014. Un veciño denunciou hoxe no Concello de Lourenzá a aparición de tres cabalos sen identificación mortos, presuntamente por disparos de rifle, na parroquia de San Adriano, concretamente no lugar de Real. Dende o Concello comunicaron o ocorrido aos servizos veterinarios da Xunta de Galicia, que avisaron ao Seprona para que investigue o suceso. Xunto ás reses mortas había un poldro vivo, que será capturado e levado a unha explotación equina.

A COOPERATIVA PARA COMERCIALIZAR A FABA DE LOURENZÁ SERÁ CONSTITUÍDA NUNHA ASEMBLEA QUE SE CELEBRARÁ MAÑÁ, MÉRCORES, NA CASA DO CONCELLO. A ALCALDESA DESTACA A IMPORTANCIA DESTA INICIATIVA E LEMBRA AS XESTIÓNS REALIZADAS PARA A SÚA CREACIÓN

Lourenzá, 7 de xaneiro de 2014. A cooperativa para comercializar a Faba de Lourenzá será constituída nunha asemblea que se celebrará mañá, mércores, no salón de actos da Casa do Concello ás once da mañá. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, destaca a importancia desta iniciativa e lembra as xestións realizadas para a súa creación.

A CABALGATA DE REIS SAIRÁ DE SAN ADRIANO O DOMINGO ÁS 17 HORAS E FARÁ PARADAS EN SANTO TOMÉ E SAN XURXO ANTES DE CHEGAR A VILANOVA. ACIAL REPARTIRÁ CHOCOLATE QUENTE E ROSCÓN E TERÁ LUGAR A ESTREA DO GRUPO DE TEATRO INFANTIL DE LOURENZÁ

Lourenzá, 3 de xaneiro de 2014. A concelleira de Educación, Cultura e Turismo de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, deu a coñecer hoxe o programa definitivo de actividades que se levarán a cabo este domingo, día 5 de xaneiro, con motivo da cabalgata de Reis. Os Magos de Oriente sairán de San Adriano ás 17 horas e farán paradas en Santo Tomé e San Xurxo antes de chegar a Vilanova, onde ACIAL repartirá chocolate e roscón e terá lugar a estrea do grupo de teatro infantil de Lourenzá.

Distribuir contido