Novas

Novas do Concello

VECIÑOS DE LOURENZÁ, MONDOÑEDO, VIVEIRO, BARREIROS E RIBADEO PARTICIPAN NUN CURSO DE MANIPULADOR DE PRODUTOS FITOSANITARIOS

Máis de vinte traballadores agrarios e desempregados dos concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Viveiro, Barreiros e Ribadeo participan no curso de aplicador manipulador de produtos fitosanitarios que empezou onte no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá. Foi inaugurado pola alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, e por un responsable de formación da asociación agraria Asaja, Manuel López.

O DÍA 21 DESTE MES EMPEZA UNHA NOVA EDICIÓN DO TALLER DE MEMORIA DIRIXIDO A MAIORES. OS INTERESADOS PODERÁN INFORMARSE SOBRE ESTA INICIATIVA O 15 DE OUTUBRO

O Concello de Lourenzá pon en marcha un ano máis o seu taller de memoria. A actividade dará comezo o martes 21 de outubro e os interesados xa poden achegarse aos Servizos Sociais Municipais, situados no Torreón dos Frades, para recibir información. Paralelamente, o goberno municipal organiza para o vindeiro día 15 deste mes ás 17:00 horas unha charla explicativa sobre todo o referente a este taller de memoria.

A ALCALDESA DESTACA O ÉXITO DA XXIV FESTA DA FABA A PESAR DO MAL TEMPO QUE HOUBO O SÁBADO POLA TARDE. VENDÉRONSE 6.504 QUILOS DE FABAS E REPARTÍRONSE 975 RACIÓNS NAS DEGUSTACIÓNS

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, destacou hoxe o éxito de público na XXIV edición da Festa da Faba, que rematou onte á noite, a pesar do mal tempo que houbo o sábado pola tarde. A rexedora explicou que se venderon 6.504 quilos de fabas nos mercados e nas degustacións repartíronse un total de 975 racións.

O RESTAURANTE LA UNIÓN GAÑOU O CONCURSO DE TAPAS DA FESTA DA FABA 2014

O restaurante La Unión, coa súa creación gastronómica denominada Unión e fusión, foi o gañador do concurso de tapas da Festa da Faba de Lourenzá. O segundo clasificado foi a cafetería Galaxia, con Salpicón de fabas, e o terceiro posto é para o café bar Cantón, coa tapa chamada O vicio da faba.

No certame participaron dez establecementos hostaleiros, que presentaron un total de 22 tapas diferentes, preparacións que ofrecen de balde coas consumicións ata o domingo ás catro da tarde.

CO PREGÓN QUE ACABA DE PRONUNCIAR CARLOS ANDRÉS GONZÁLEZ PAZ, INVESTIGADOR DO INSTITUTO DE ESTUDIOS GALLEGOS PADRE SARMIENTO, DEU COMEZO A XXIV FESTA DA FABA. O EVENTO ENCHERÁ A VILA DE FESTA, GASTRONOMÍA, EXPOSICIÓNS E MÚSICA ATA O DOMINGO

Comezou esta en Lourenzá a XXIV Festa da Faba cun programa cheo de actividades, que se prolongarán ata vindeiro domingo, 5 de outubro. O evento iniciouse co pregón que pronunciou Carlos Andrés González Paz, investigador do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.

LOURENZÁ ARRANCA MAÑÁ COA CELEBRACIÓN DA SÚA XXIV EDICIÓN DA FESTA DA FABA. HABERÁ DEGUSTACIÓN DE TAPAS DE BALDE, VENTA DE FABAS E ARTESANÍA, OBRADOIROS E ACTUACIÓNS MUSICAIS

Mañá, venres 3 de outubro, arranca a XXIV Festa da Faba de Lourenzá, un evento gastronómico declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. Faino cun programa repleto de actos que se iniciará coa lectura do pregón por parte do historiador Andrés González Paz. Será o venres, ás 20:00 horas no salón de actos do Concello. Ese mesmo día xa se poderán degustar as máis de 20 tapas gratuítas elaboradas polos establecementos hostaleiros laurentinos para esta edición.

LOURENZÁ ACOLLERÁ UN CURSO SOBRE INICIACIÓN Á CESTERÍA DENDE O DÍA 21 DESTE MES

Lourenzá, 1 de outubro de 2014. O Concello de Lourenzá, en colaboración co Centro de Artesanía e Deseño, organiza para os vindeiros meses de outono un curso de iniciación á cestería. A actividade comezará o día 21 deste mes, martes, e contará cun total de 38 horas lectivas, que serán impartidas en horario de 20:30 a 22:30 durante tódolos martes e mércores ata o 23 de decembro. As prazas están limitadas a 10 alumnos e o prezo da matrícula é de 19 euros.

Distribuir contido