Novas

Novas do Concello

AINARA E IRIA RGUEZ. IMPÓÑENSE NA EON NIGHT RACE + CRÓNICA ATLETISMO ADULTOS

Os atletas de Maderas Barcia Lourenzá Mondoñedo están dando guerra unha temporada máis, e está claro que a Ainara non hai popular que se lle resista. O pasado sábado en Lugo Ainara Rguez, na categoría de 8 a 12 anos vencía de novo con autoridade e obtiña o 1º posto da carreira. Ademáis, Nicolás Rguez. lograba entrar en 3ª posición e acadaba a medalla de bronce. Na categoría de 4 a 7 anos, Iria Rguez. daba a sorpresa e vencía na espectacular Carreira Eon mentras a súa compañeira Henar Méndez obtiña o subcampionato. 

AS OBRAS DE RECONSTRUCCIÓN REALIZADAS NA ÁREA RECREATIVA DO MUÍÑO DO PEREIRO EVITARON NOVOS DESBORDAMENTOS DO RÍO BAOS ONTE

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, afirmou hoxe que as obras de reconstrución de dúas escolleras e dun muro de contención levadas a cabo na zona da área recreativa do Muíño do Pereiro tras o temporal do pasado 15 de outubro evitaron que as chuvias de onte ocasionasen de novo desbordamentos. Non obstante, a rexedora laurentina solicita a Augas de Galicia a limpeza inmediata do río Baos e anunciou o próximo inicio das obras para a creación da ruta de sendeirismo Val de Lourenzá, que transcorre tamén pola área do Muíño do Pereiro.

OS CONCELLOS DE LOURENZÁ E TRABADA FIRMARON UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA XESTIONAR DE MANEIRA CONXUNTA O SERVIZO DE MANTEMENTO DE ESTRADAS E CAMIÑOS MUNICIPAIS

O Concello de Lourenzá ven de firmar un convenio de colaboración co Concello de Trabada para xestionar de maneira compartida o servizo de mantemento de espazos naturais. Grazas a este convenio, e a través dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, os dous Concellos adquiriron dúas novas máquinas para levar a cabo a limpeza das súas estradas e camiños municipais: unha trituradora e unha desbrozadora.

O CONCELLO SÚMASE AOS ACTOS DE CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA Á VIOLENCIA DE XÉNERO COA LECTURA DUN MANIFESTO E DESPREGANDO UN MURAL BRANCO NA PRAZA DO CONDE SANTO PARA ANIMAR Á XENTE A DEIXAR AS SÚAS MANS PINTADAS EN SINAL DE PROTESTA

O Concello súmase aos actos de conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero e presenta un programa de actos para o martes, 25 de novembro, no que destacan a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero e a colocación dun mural branco na praza do Conde Santo, para que os visitantes e veciños deixen impregnadas en color malva as súas mans como sinal de repulsa contra este tipo de violencia.

O CURSO DE INICIACIÓN Á CESTERÍA QUE SE DESENVOLVE NO CENTRO SOCIAL DE SAN XORXE CONTA CON 15 PARTICIPANTES

Quince persoas participan no curso de iniciación á cestería que se desenvolve no centro social de San Xorxe. Esta actividade está organizada polo Concello de Lourenzá en colaboración co Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD).

En principio había unicamente dez prazas pero debido a gran demanda existente houbo que ampliar a 15 e aínda así algúns dos inscritos tiveron que quedar en lista de espera para cando se organice outro curso deste tipo.

ABRÍU HOXE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS COMERCIANTES QUE QUEIRAN PARTICIPAR NO II MERCADO DE NADAL, QUE SE CELEBRARÁ OS DÍAS 20 E 21 DE DECEMBRO

Hoxe abriuse o prazo para que os comerciantes que desexen participar no II Mercado de Nadal de Lourenzá poidan facelo inscribíndose antes do 5 de decembro no teléfono 658.04.40.39. Este mercado está organizado pola asociación de comerciantes, industrias e autónomos de Lourenzá (ACIAL) en colaboración co Concello e levarase a cabo o fin de semana do 20 e 21 de decembro. Nel poderán participar tódolos membros da asociación de comerciantes, que non precisarán levar a cabo inscrición algunha.

A OBRA OS PUTATIVOS CHEGA ESTE SÁBADO A LOURENZÁ DA MAN DO GRUPO DE TEATRO DE RIBADEO. A REPRESENTACIÓN COMEZARÁ ÁS 8 DA TARDE NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DO CONCELLO

A Concellería de Cultura do Concello de Lourenzá presenta unha nova actuación teatral no municipio para o vindeiro sábado 22 de novembro. Este día a partir das 8 da tarde o Grupo de Teatro de Ribadeo interpretará, no Salón de Actos da Casa do Concello, a súa obra Os Putativos. A actividade forma parte do proxecto Buxiganga, unha iniciativa cultural posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. O custe da entrada terá un prezo de 1 euro por asistente.

Distribuir contido