Novas

Celebrada a primeira sesión do obradoiro de baile moderno e hip hop organizado pola Concellería de Educación

83 alumnos de 6 a 12 anos de idade do Ceip Juan Rey, de Lourenzá, participaron hoxe na primeira sesión do obradoiro de baile moderno e hip hop organizado pola Concellería de Educación, da que é responsable Lupe Flórez Seivane. Esta actividade continuará en Semana Santa (dende o luns 25 ata o mércores 27 deste mes) e poderán participar nenos e rapaces de 6 a 24 anos. Os interesados deben anotarse na biblioteca pública municipal en horario de cinco a oito da tarde. O prazo de inscrición remata o xoves, 21.

Inauguración da exposición "Mulleres no obxectivo", na Casa da Cultura de Lourenzá

Na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lourenzá pódese ver ata o vindeiro 22 de marzo a exposición Mulleres no obxectivo, composta por 23 imaxes de fotoperiodistas galegos e galegas que recollen o día a día das mulleres. O horario de visita é de 17 a 20 horas. A mostra foi inaugurada na tarde de onte pola alcaldesa, Emma Álvarez, acompañada da concelleira de Educación e Cultura, Lupez Flórez, e de responsables do departamento de Servizos Sociais. Ao acto acudiron os alumnos do taller de memoria.

A Concellería de Educación organiza un obradoiro de baile moderno e hip hop. A primeira sesión será para nenos de 6 a 12 anos no colexio Juan Rey o vindeiro luns e a actividade ampliarase a rapaces de ata 24 anos na Semana Santa

Lourenzá, 8 de marzo de 2013. A Concellería de Educación de Lourenzá oferta unha actividade baseada no baile moderno e no hip hop, que “está encamiñada a nenos dende os 6 anos e a rapaces de ata 24”, anunciou a concelleira Lupe Flórez Seivane, que explicou que “este vindeiro luns, día 11 de marzo, vai ter lugar a primeira experiencia desta actividade no Ceip Juan Rey. Ao longo de toda a mañá en grupos de distintas idades os nenos de Primaria poderán achegarse ao mundo do baile moderno e concretamente do hip hop”.