O CONCELLO FELICITA AOS ATLETAS DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS POLOS RESULTADOS QUE ACADARON NOS CAMPIONATOS GALEGOS DA PASADA FIN DE SEMANA

O Concello de Lourenzá, e concretamente a Delegación de Deportes que dirixe Francisco Dasilva, felicita aos atletas das escolas deportivas municipais polos resultados que acadaron nos campionatos galegos celebrados a pasada fin de semana.

“É todo un exemplo de traballo, esforzo e superación dos nenos e nenas das Escolas Deportivas Lourenzá. Queremos facer extensiva esta mensaxe de felicitación aos deportistas: Ainara Rodríguez, proclamada campioa infantil dos 500 metros en pista cuberta e campioa tamén nos 50 metros lisos, resultados cos que a atleta Ainara Rodríguez, do Maderas Barcia-Escolas Deportivas Lourenzá, consegue facer dobrete e bater o récord nos 500 metros lisos, converténdose na nova plusmarquista galega da modalidade en pista cuberta; Lidia Barreira, do Maderas Barcia, que se proclamou subcampioa autonómica de tripe salto no campionato galego desta fin de semana; Alex Díaz, medalla de ouro en categoría infantil en medio quilómetro; Fernando Vallines, terceiro en lanzamento de peso; e Ana Vallines, terceira nos 2.000 metros”, explicaron dende o goberno municipal de Lourenzá.

Ademais anunciaron que o Concello de Lourenzá “ten previsto facer unha homenaxe ao final da tempada aos deportistas máis destacados do ano. Con este acto o Concello fará un agradecemento e recoñecerá o importante labor destes nenos e nenas que fan que o nome das Escolas Deportivas de Lourenzá estea sempre presente nos podios dos campionatos provinciais e autonómicos”.