O CONCELLO FIRMARÁ COA XUNTA UN CONVENIO POR 50.000 EUROS PARA CAMBIAR O CHAN DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL

O goberno municipal de Lourenzá en funcións rematou os trámites para a firma dun convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia para cambiar o chan do pavillón polideportivo municipal cun investimento de 50.000 euros.

A alcaldesa en funcións, Emma Álvarez Chao, explicou que “no día de hoxe rematamos todos os trámites para poder asinar un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, concretamente a Secretaría Xeral para o Deporte, e o Concello de Lourenzá. Este convenio é froito de varias negociacións e ascende a 50.000 euros para substituír o chan da pista do polideportivo municipal de Lourenzá”.

A rexedora especificou que “as obras que se van facer consisten en preparar o pavimento existente para poder poñerlle un de parqué, que é moito máis flexible para as articulacións e resulta menos abrasivo nos casos de posibles caídas. Ademais con este chan non soamente se poderá xogar a fútbol sala ou a baloncesto senón que tamén permite seguir facendo as actividades de patinaxe que se levan a cabo ata o día de hoxe no vello pavimento”.

Emma Álvarez engadiu que “hoxe mesmo remitimos toda a documentación para que nos próximos días se asine o convenio de colaboración e posteriormente se fagan estas obras. Así na próxima tempada deportiva xa poderán os nosos nenos e tamén os maiores das escolas deportivas iniciar estas actividades nun pavimento moito máis adecuado aos tempos que corren”

A alcaldesa lembrou que “esta era unha demanda que nos viñan a facer dende as escolas deportivas dende hai anos e tamén dende o equipo de baloncesto feminino que temos en Liga Nacional. Cremos que esta é unha acción positiva para o deporte en Lourenzá e o único que pretendemos dende o grupo de goberno en funcións do Concello neste momento é que sexa un investimento ao que lle saquen froito os nosos nenos e tamén os maiores que usen este polideportivo”.