A SEGUNDA EDICIÓN DA XORNADA TODOS CARA A TOVAR CELEBRARASE ESTE DOMINGO, DÍA 28, CON DIVERSAS ACTIVIDADES DENDE AS 16:30 HORAS. ESTÁ ORGANIZADA POR ASOCIACIÓNS DO MUNICIPIO COA COLABORACIÓN DO CONCELLO

A segunda edición da xornada lúdica, de lecer e de convivencia Todos cara a Tovar celebrarase este domingo, día 28, na fortaleza de Lourenzá. Está organizada por asociacións do municipio coa colaboración do Concello e haberá diversas actividades dende as catro e media da tarde.

A alcaldesa, Rocío López García, anunciou hoxe que Todos cara a Tovar “trátase dunha xornada de lecer, cultural e de convivencia nese marabilloso paraxe que é a fortaleza de Tovar. Organizan as distintas asociacións do municipio de Lourenzá e colabora o Concello. O inicio das actividades terá lugar ás 4 e media da tarde cunha concentración na fortaleza de Tovar e a partir de aí as distintas asociacións irán iniciando as actividades de cada unha delas. Tamén terá lugar unha actuación do grupo teatral Os Quinquilláns, que se enmarca dentro do programa Cultura no Camiño, que é da Xunta de Galicia”.

A rexedora engadiu que “tamén ese día vaise realizar a tradicional fogueira de San Pedro e desde o Concello animamos a todos os veciños e veciñas de Lourenzá a participar nesta xuntanza”.

O programa da xornada empezará ás 16:30 horas cunha concentración dos participantes na fortaleza de Tovar. De 5 a 7 da tarde haberá actividades deportivas polo Val de Lourenzá, con sendeirismo, atletismo ou ciclismo. A continuación farase un reagrupamento dos participantes en Tovar para continuar as actividades na fortaleza con xogos para o público infantil. Ás sete e media o grupo teatral Os Quinquilláns representará a obra titulada A traizón e ás 21.30 horas haberá unha cea campestre, na que cada asistente pode levar a súa comida ou adquirila nun posto que se habilitará. Despois haberá foliadas e rematarán os actos coa fogueira de San Pedro e queimada popular precedida do tradicional conxuro.

 

A SEGUNDA EDICIÓN DA XORNADA TODOS CARA A TOVAR CELEBRARASE ESTE DOMINGO, DÍA 28, CON DIVERSAS ACTIVIDADES DENDE AS 16:30 HORAS. ESTÁ ORGANIZADA POR ASOCIACIÓNS DO MUNICIPIO COA COLABORACIÓN DO CONCELLO