Lourenzá, 27 de setembro de 2013. A 23ª edición da Festa da Faba, que se celebrará do 4 ao 6 de outubro, incluirá degustacións de tres pratos diferentes, un deles novo neste festexo pero que era moi típico na zona hai anos: potaxe de fabas á antiga usanza. Tamén haberá mercados e numerosas actividades culturais, festivas e deportivas, que figuran no programa presentado hoxe xunto co cartel elaborado pola nena Antía Lillo Irimia. O evento será pregoado polo premiado cociñeiro laurentino Iago Castrillón e inaugurado pola Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, o sábado 5.
Na presentación a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, empezou destacando que “os días 4, 5 e 6 de outubro a Faba de Lourenzá será a protagonista desta cita gastronómica que comezou no ano 1990 froito dunha iniciativa do Concello de Lourenzá para promover o consumo da leguminosa e incrementar o seu prezo. Dende aquela primeira edición, que consistiu na celebración dun concurso de fabas, a festa foi in crescendo non só a nivel gastronómico senón tamén na súa programación lúdico cultural. Así as exposicións, o baile, a música, teñen o seu propio espazo dentro do programa de actos. A festa, considerada o evento máis importante do ano, homenaxea, promove e comercializa a faba como produto de alta calidade, reunindo durante os días de celebración a produtores, compradores, tratantes e consumidores”.
A rexedora tamén explicou que o principal obxectivo da celebración “é promover a Faba de Lourenzá como un produto emblemático e de calidade con proxección de futuro”. E tamén pretende “apoiar aos colectivos de fabeiros, hostaleiros e comerciantes, imprescindibles no desenvolvemento económico desta legume. Ademais salientase a potenciación da Faba de Lourenzá como un produto delicatessen dentro da nosa gastronomía, así como dar a coñecer os bens patrimoniais e culturais do val de Lourenzá, unha zona que desenvolve a súa actividade arredor do cultivo e a comercialización da faba”.
Ademais Emma Álvarez deu a coñecer o amplo programa de actividades, no que figuran o pregón a cargo de Iago Castrillón, “recoñecido cociñeiro nado en Lourenzá e que rexenta o famoso restaurante ACIO, en Santiago, onde promove a través das súas creacións culinarias a Faba de Lourenzá”. Será o sábado ás doce do mediodía e a continuación terá lugar a inauguración oficial a cargo da conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato. Tamén destacou que “un dos apartados máis importantes de toda festa gastronómica é a degustación que se fai do produto a promover. Este ano poñemos á venda 1.200 racións de faba en diferentes preparacións o sábado e o domingo a mediodía. A faba de Lourenzá será presentada en cunca de barro, conmemorativa da festa, a 5 euros cada ración. Os visitantes poderán xantar na propia carpa degustación, situada na Praza do Conde Santo, mercando previamente os tíckets para probar as distintas especialidades na caseta de información do Concello. Este ano introducimos unha novidade na degustación, que consiste na preparación dun prato que se acostumaba a comer nestas terras e que está elaborado a base de fabas e callos. Agardamos con este prato sorprender o padal dos máis novos e tamén dos foráneos e, sobre todo, fixar unha diferenza máis que distingue a nosa faba da veciña asturiana. Esta especialidade leva por nome Potaxe de fabas de Lourenzá á antiga usanza. E tamén se poderán degustar fabas con ameixas e fabas ao estilo tradicional”.
No programa inclúense ademais outras moitas actividades, como unha feira na que participarán máis de 30 artesáns de Galicia e Asturias; unha ruta de tapas de balde en 8 establecementos hostaleiros; exposicións do canteiro Fernando Vilariño, das preto de 50 obras presentadas o XVII concurso fotográfico da Festa da Faba e do artista David Catá; a carreira popular Val das Fabas, na que os gañadores adultos recibirán de premio un saco de fabas de Lourenzá; unha campaña de reciclaxe de Sogama; ou xogos infantís.
Respecto ás actividades culturais incluídas na programación a concelleira Lupe Flórez Seivane salientou as actuacións das agrupación teatrais Hermanager Produccións e da asociación Aspanane, de Viveiro; do cuarteto Souto Xímaro e do grupo folk Malvela, que porá “o broche de ouro” a esta edición da Festa da Faba o domingo 6 ás oito da tarde. Tamén destacou a exhibición de baile de salón, o encontro folclórico e os actos das festas de San Marcial, que organiza a asociación Conde Santo.
A presidenta en funcións da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, Carmen Seijo Otero, explicou que “a Faba de Lourenzá, como xa dixo a alcaldesa, é un produto de recoñecido prestixio que conta co distintivo de Calidade de Indicación Xeográfica Protexida dende o ano 2008. Na actualidade estamos inscritos 35 produtores e 5 envasadores e comercialízanse a través da IXP 8.000 quilos de fabas anuais. Ademais hai outros produtores que non envasan a súa produción e venden as fabas nos mercados dominicais (no ano 2012 foron máis de 51.000 quilos) e mesmo os hai que a venden a granel nas súas explotacións. A estes produtores animámolos a que se inscriban na IXP para poder acadar un maior rendemento económico, máxime cando neste momento estamos en proceso de estudar a viabilidade de crear unha cooperativa comercializadora de faba”. Tamén anunciou que nesta edición da Festa da Faba haberá 9 casetas de fabeiros, que estarán no Cantón, e o domingo terá lugar o mercado ao por maior.
Tamén participou no acto de hoxe o deputado provincial responsable da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, quen explicou que a Deputación de Lugo colabora coa Festa da Faba dándolle difusión por medio da Fundación TIC, que ademais elaborará un documental sobre o evento, e tamén aporta o programa lúdico Lugoteando, que se desenvolverá o domingo 6 e inclúe actividades como un simulador de surf e skates electrónicos.
Na presentación estiveron ademais a gañadora do primeiro curso para o cartel da Festa da Faba, Antía Lillo Irimia; e a representante da asociación Conde Santo, Ana Díaz Portela.