Lourenzá, 25 de novembro de 2013. As actividades do ano dedicado polo Concello de Lourenzá a Francisco Fernández del Riego rematarán mañá martes, día 26, coa inauguración dunha exposición e unha loa a don Paco diante do seu busto a cargo do secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo.
A concelleira de Cultura, Lupe Flórez, anunciou que os actos que terán lugar mañá martes, 26 de novembro, “suporán o broche final ás actividades deste ano no que viñemos conmemorando a figura dun ilustre galeguista e recoñecido no mundo da cultura e das letras. O acto terá lugar a partir das sete e media da tarde cando a alcaldesa dará a benvida aos asistentes no salón de actos da Casa do Concello. Posteriormente trasladarémonos a sala de exposicións da Casa da Cultura e arredor das oito menos cuarto terá lugar o acto de inauguración da mostra titulada 100 anos de Del Riego, unha exposición da cal somos comisarios Manuel Román Ramos, que é un historiador e gran coñecedor da figura de Francisco Fernández del Riego, e eu mesma, como concelleira de Cultura. É unha mostra coa que tratamos de lembrar as visións e a pegada que Francisco Fernández del Riego deixou en distintas figuras da nosa cultura e que está composta por unha serie de paneis con caricaturas de distintos autores alusivas á figura de Del Riego e, por outra banda, unha selección de textos tanto narrativos como poéticos onde cada un dos autores seleccionados deixa a súa idea do que supuxo ou supón o legado de Francisco Fernández del Riego para o mundo do galeguismo, da cultura e académico en Galicia”.
A edil de Cultura explicou que “arredor das oito e cuarto da tarde está previsto que diante do busto que está colocado na Praza do Conde Santo o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, realice unha loa á figura de Francisco Fernández del Riego. E este acto será o que supoña o peche deste ano dedicado a Fernández del Riego. Farase diante do busto de don Paco sempre e cando as condicións climatolóxicas o permitan. Se non sería trasladado ao salón de actos da Casa do Concello”.