A ALCALDESA CONSIDERA UN ÉXITO A PARTICIPACIÓN NO MACROENTROIDO CELEBRADO ONTE EN SANTIAGO, A PESAR DO MAL TEMPO. EMMA ÁLVAREZ DESTACOU A ACEPTACIÓN QUE TIVERON OS MAZAPÁNS DE LOURENZÁ

Lourenzá, 10 de febreiro de 2014. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, fixo hoxe unha valoración positiva da participación do concello no Macroentroido celebrado onte en Santiago de Compostela a pesar do mal tempo. A rexedora destacou o éxito que acadou o doce típico do Antroido no municipio, que é coñecido como mazapán.

“Pese a que o tempo non nos acompañou, pois estivo chovendo toda a mañá e facía bastante vento, consideramos que foi un éxito ter acudido ao Entroido que se celebrou na Praza do Obradoiro durante o día de onte. Por mor do tempo suspendeuse o desfile pero si fixeron as actuacións todos os Entroidos que alí estábamos representados. A maiores foron visitados os stands por moita xente, porque o día animaba máis a estar dentro dos postos que a andar por fóra”, explicou Emma Álvarez.

A alcaldesa desatacou que “o mazapán de Lourenzá tivo bastante éxito. Vendémolo acompañado de chocolate quente e foi un éxito para toda a xente que por alí pasou. De feito, como anécdota, o propio alcalde de Santiago, Ángel Curras, veciño do municipio limítrofe de Trabada, non coñecía os mazapáns de Lourenzá e onte acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, probaron este doce típico e realmente satisfíxolles o padal”.