A ALCALDESA DESTACA QUE O PREMIO AO PROXECTO DO TÉCNICO MUNICIPAL DE EMPREGO PARA A CREACIÓN DUNHA COOPERATIVA COMERCIALIZADORA DA FABA DE LOURENZÁ DEMOSTRA O INTERESE DA XUNTA POR ESTA INICIATIVA

Lourenzá, 1 de xullo de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, destacou hoxe que o premio concedido ao proxecto elaborado polo técnico de emprego do Concello, José Cuadrado Oural, para a creación dunha cooperativa dedicada á comercialización da faba de Lourenzá demostra o interese da Xunta por esta iniciativa.

“Que o Consello Galego de Cooperativas premiara unha iniciativa do técnico de emprego local do Concello de Lourenzá por un proxecto para unha cooperativa produtora e comercializadora de fabas pon de manifesto o interese que a ten a Xunta de Galicia polo plan que en días pasados comentábamos que íamos poñer en marcha dende a Consellería de Traballo co apoio do Concello de Lourenzá e tamén da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias”, manifestou a rexedora municipal.

Emma Álvarez explicou que o proxecto que recibirá o premio o vindeiro sábado, día 6 de xullo, “é sobre unha cooperativa de fabas, que aínda está sen desenvolver e que pretendemos que sirva para comercializar todas as fabas producidas na Mariña Central que pasan baixo a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e que serían vendidas a través desta cooperativa. Isto supoñería unha importante oportunidade para os produtores, posto que daría unha boa solución á saída do seu produto, posto que garantirían diante de calquera comprador unha cantidade de produción que a título individual son incapaces de garantir”.

Para a alcaldesa “con este recoñecemento do Consello Galego de Cooperativas vemos un pouco máis cerca esa cooperativa comercializadora de fabas, que esperemos que en breve, coa axuda da Xunta e de Agaca, sexa unha realidade”.