Lourenzá, 30 de outubro de 2012. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, asistiu hoxe ao pleno da Deputación de Lugo onde se aprobou por unanimidade unha moción do Partido Popular para que a institución provincial se faga cargo definitivamente da estrada coñecida como Camiño A.
Emma Álvarez agradece que “a cordura chegara por fin á Deputación de Lugo e por unanimidade se aprobara unha moción do grupo provincial do Partido Popular na que se pedía que se asinase o convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Lourenzá para facer o intercambio do Camiño A por a parte da estrada que ten como continuidade en Lourenzá”.
A rexedora municipal lembrou que “levamos varios anos detrás de que se asine un convenio que fora un acordo plenario do ano 2005 tanto no Concello de Lourenzá como na Deputación de Lugo. No pasado mes de agosto xa o Partido Popular de Lourenzá presentou no pleno da Corporación Municipal unha moción neste sentido que tamén foi apoiada polos grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista”. Emma Álvarez subliñou a colaboración amosada polo BNG local nesta cuestión.
A alcaldesa ve positivo que se chegara a un entendemento e “que se faga o que é de xustiza, que é cumprir cos acordos e coa palabra dada cando hai un cambio de goberno. Había un acordo do pleno da Deputación de Lugo que, por vontade política, non se estaba levando a termo e con esta moción aprobada por unanimidade cremos que por fin se vai dar solución a este problema que levaba varios anos enquistado no Concello de Lourenzá”.