Lourenzá, 13 de novembro de 2012. O salón de actos do Concello de Lourenzá acollerá este venres, día 16 de novembro, ás cinco da tarde unha reunión con gandeiros e produtores de faba de toda a comarca para informarlles sobre os requisitos que esixe a PAC para o cobro das subvencións anuais no referido á recuperación dos envases baleiros de produtos fitosanitarios . O acto está organizado pola Axencia de Extensión Agraria.
Para anunciar esta actividade a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, fixo público un bando no que explica que “a PAC esixe para o cobro das subvencións anuais unha serie de requisitos ambientais, de seguridade alimentaria, de saúde e benestar dos animais, así como do mantemento das explotacións en boas condicións agrarias e ambientais. Dentro do apartado de aplicación e utilización de produtos fitosanitarios (herbicidas e praguicidas) é moi importante, e esíxese nas inspeccións, a recuperación dos envases baleiros, do que se encarga a empresa Sigfito”.
Na reunión participarán técnicos das oficinas agrarias comarcais, persoal da cooperativa Os Irmandiños e unha representante da empresa Sigfito, Rosa García Portugal.