Lourenzá, 1 de xuño de 2013. O acto de entrega de agasallos e diplomas aos premiados no certame de narración e debuxo convocado pola biblioteca municipal Juana de Ibarbourou, de Lourenzá, tivo lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura do Concello e as encargadas de dar os premios foron a alcaldesa, Emma Álvarez; a concelleira de Cultura e presidenta do xurado, Lupe Flórez; e a bibliotecaria e secretaria do xurado, María José López.
“Dende a Concellería de Cultura atopamos moi acertada a temática desta convocatoria, xa que o xenérico A toda máquina deu lugar a que cada un dos participantes expresase as distintas visións que esas tres palabras lle suxerían: máquinas e tecnoloxía, velocidade, a visión da vida estresante e apuradas, … Por iso a selección dos traballos foi complicada", explicou Lupe Flórez.
A concelleira de Cultura comentou tamén que o Concello “desexa moita sorte a tódolos seleccionados para a participación na fase provincial do concurso, no que sempre soemos ter algún traballo premiado da biblioteca de Lourenzá”.