Con motivo da celebración do décimo aniversario da nova era do equipo de fútbol sénior das ED. Lourenzá, algúns dos xogadores máis veteranos organizan unha cea-baile coa que pretenden xuntar vellas glorias do equipo dos 80 con xogadores desta última década, afeccionados, rapaces das categorías inferiores e calquera persoa que teña ganas de pasar unha boa noite nun ambiente agradable. A cea terá lugar no recinto feiral de Lourenzá o vindeiro sábado 16 de novembro a partires das 21.30 horas, e as entradas pódense mercar en calquera dos bares da vila ata o día 10 de novembro. Os prezos son: 22 euros para adultos, 10 para nenos entre 6 e dez anos, e gratuíto para os menores de 6 anos. O menú estará composto por sopa, cocido, postre, café e chupito; e os organizadores teñen preparadas moitas sorpresas e agasallos, ademais de xogos para os pequenos (8 da tarde) e maiores (despois da cea).
Con esta iniciativa buscan recaudar fondos para o equipo e tamén agradecer a todos aqueles que cada fin de semana están nos seus partidos. Por isto, animan a xogadores e adestradores que formaron e forman parte do equipo sénior a xuntarse cos afeccionados e divertirse na súa compañía.