A CONCELLERÍA DE CULTURA ORGANIZA UN CICLO DE TEATRO QUE SE DESENVOLVERÁ OS DOMINGOS 9, 16 E 23 DESTE MES NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DO CONCELLO. EMPEZARÁ CUNHA REPRESENTACIÓN A CARGO DA COMPAÑÍA DA ASOCIACIÓN VEA, DE BARREIROS

Lourenzá, 5 de febreiro de 2014. A Concellería de Cultura de Lourenzá organiza un ciclo teatro denominado Febreiro teatreiro, que se desenvolverá os domingos 9, 16 e 23 deste mes no salón de actos da Casa do Concello. A representación deste vindeiro domingo será ás sete da tarde e correrá a cargo da compañía da asociación VEA, de Barreiros, que ofrecerá a obra Curtas humorísticas. O prezo da entrada é de un euro.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que o seu departamento organiza “un novo ciclo teatral, fóra do que son as tradicionais sesións de teatro no mes de novembro, para o que xeralmente soemos aproveitar o circuíto Buxiganga da Deputación de Lugo. Nesta ocasión vimos de organizar dende a propia Concellería de Cultura outro circuíto teatral para este mes. Denominado Febreiro teatreiro vamos ter ao longo dos vindeiros domingos deste mes unha serie de funcións teatrais para o público laurentino”.

Lupe Flórez engadiu que “a intención deste ciclo teatral é dar resposta á demanda que hai de teatro sempre en Lourenzá; cada vez que se organiza algunha representación a xente responde cun grande éxito de público e en moitas ocasións o salón de actos quédase pequeno. Foi o caso das últimas actuacións que no Nadal fixeron a asociación Conde Santo e o grupo de teatro infantil, que en ambas as dúas ocasións houbo que repetir as funcións para dar cabida a ese público que quedou fóra ao estar abarrotado o salón de actos”.

A edil de Cultura comentou tamén que “son tres os domingos de febreiro que nos quedan e imos ter cadansúa función teatral. Este vindeiro domingo, día 9, estrearase este ciclo teatral coa compañía da asociación VEA, do veciño concello de Barreiros, que nos vai traer unhas Curtas humorísticas. Será no salón de actos ás sete da tarde”.

Florez Seivane anunciou ademais que está confirmada tamén a compañía que actuará o 16 de febreiro, que “será o trío Trípode, composto por Alberto Níñez, Pepe Peinó e Cachín, que nos traerán unha peza de carácter fundamentalmente humorístico. O que nos queda por pechar é a compañía para o último domingo, 23 de febreiro, da que daremos información nas vindeiras datas”.

A concelleira rematou recomendándolle aos interesados en asistir a estas representacións que “permanezan atentos ás canles habituais polas que as que difundimos a novas do Concello: prensa, as redes sociais do propio Concello (facebook e twitter), a páxina web institucional do Concello de Lourenzá e os carteis que poñemos nos puntos habituais de información. Só nos queda agardar que o éxito de público sexa o habitual cada vez que programamos teatro en Lourenzá e que a selección das compañías de localidades próximas con xente de concellos veciños sexa a idónea e que lle guste ao público”.