A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN INCOA O EXPEDIENTE DE DELIMITACIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO NORTE, RUTA DA COSTA

Santiago, 4 de setembro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a incoación do expediente para a delimitación do Camiño de Santiago Norte, Ruta da Costa, ao seu paso por Galicia. O obxectivo desta medida é garantir a mellor protección dos lugares, edificios e paraxes polos que discorre esta ruta xacobea.

O Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa, comunica a cornixa cantábrica con Compostela. A delimitación levouse a cabo despois dun intenso e profundo traballo documental e de campo no que se combinaron metodoloxías de diferentes disciplinas como a historia, a antropoloxía, a arqueoloxía, a xeografía e os estudos sobre a paisaxe. Como resultado deste traballo de investigación apareceron na delimitación algunhas novidades respecto ao camiño actualmente sinalizado. Ademais de pequenos axustes no trazado, esta nova delimitación inclúe cambios de maior envergadura; entre eles, pode ser o máis significativo sexa que agora conflúen en Mondoñedo as dúas variantes de entrada en Galicia (a que provén de Ribadeo e a que ven de Abres), mentres que antes se xuntaban en Lourenzá.

Outra novidade de interese é que, desde Boimorto, o Camiño da Costa segue directamente para o concello de Santiago, enlazando co Camiño Francés na zona da cabeceira do Aeroporto de Lavacolla, na parroquia de San Paio de Sabugueira. Esta ruta, herdeira da vía romana que unía Braga con Lugo, está moi ben documentada tanto na cartografía histórica, como nos relatos de peregrinos ou de ilustres viaxeiros como o Padre Sarmiento.

Deste xeito, despois da realización de diversos estudos e segundo a documentación analizada, ao seu paso por Galicia, o Camiño Norte discorrer polos termos municipais de: Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto. O tramo no Concello de Compostela, non obstante, non se recolle neste expediente por ser obxecto doutro procedemento actualmente pendente de resolución.

Metodoloxía

Para a realización da delimitación do trazado e do ámbito de protección, os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural tomaron como base a delimitación realizada nos anos noventa, contrastándoa cos estudos históricos e coa información cartográfica e fotográfica dispoñible, tanto histórica como actual. Así mesmo, realizouse unha completa prospección sobre o terreo e recolleuse información entre os veciños.

Unha vez elaborado o trazado, foi exposto e contrastado con representantes de todos os concellos afectados, da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e da Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago. Así mesmo, someteuse o traballo ao informe do Comité Asesor do Camiño de Santiago, atendendo as suxestións e pareceres das devanditas partes para incorporalas ao expediente.

Tras estes trámites, e incoado o expediente, ábrese a partires de mañá un trámite de información pública de dous meses, durante o cal os interesados poderán consultar o expediente (informe-proposta detallado, mapas, planos e un anexo fotográfico) na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela), na Xefatura Territorial da Consellería en Lugo e nas oficinas municipais de cada un dos concellos polos que transcorre o Camiño Primitivo ao seu paso por Galicia.

Delimitación das rutas xacobeas

Con este traballo, a Consellería de Cultura e Educación avanza na delimitación do trazado dos Camiños de Santiago, despois de que se aprobara a delimitación da trazado definitivo do Camiño Francés e o Camiño Primitivo ou de Oviedo. Nestes momentos, co Camiño Inglés e o Camiño Norte (Ruta da Costa) xa incoados, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural traballa na delimitación do trazado do Camiño Portugués, que se prevé que poda estar lista antes de que finalice o ano.

A delimitación oficial destas rutas supón unha aposta pola protección do patrimonio galego máis senlleiro, tanto desde o punto de vista da integración das infraestruturas incluídas no ámbito de protección dos trazados, como no que atinxe aos valores culturais e medioambientais asociados a estas vías de peregrinación.