A COOPERATIVA PARA COMERCIALIZAR A FABA DE LOURENZÁ SERÁ CONSTITUÍDA NUNHA ASEMBLEA QUE SE CELEBRARÁ MAÑÁ, MÉRCORES, NA CASA DO CONCELLO. A ALCALDESA DESTACA A IMPORTANCIA DESTA INICIATIVA E LEMBRA AS XESTIÓNS REALIZADAS PARA A SÚA CREACIÓN

Lourenzá, 7 de xaneiro de 2014. A cooperativa para comercializar a Faba de Lourenzá será constituída nunha asemblea que se celebrará mañá, mércores, no salón de actos da Casa do Concello ás once da mañá. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, destaca a importancia desta iniciativa e lembra as xestións realizadas para a súa creación.

“Despois de manter a principios de xuño unha xuntanza co director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, e tamén co secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, para promover a creación dunha cooperativa en Lourenzá para comercializar a nosa faba, a da Mariña lucense, a Faba de Lourenzá, a través da Indicación Xeográfica Protexida é unha satisfacción ver que esta realidade empeza a cobrar forma. Xa hai tempo que roldaba entre os produtores e tamén o Concello levaba xa anos tratando de apoiar esta iniciativa. Tamén a Xunta de Galicia dende hai décadas viña realizando un importante esforzo para darlle pulo á utilización do cooperativismo como unha vía para acadar un desenvolvemento económico equilibrado e integrador. Por este motivo tanto a Consellería de Medio Rural como a de Traballo apostaron por axudar aos produtores de faba a constituír unha cooperativa en Lourenzá. Esta cooperativa xa ten nome, que é Terras da Mariña Sociedade Cooperativa Galega, e chegou a este punto grazas ao esforzo dos produtores da faba e horta da Mariña, grazas á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar e co apoio da unión de cooperativas Agaca e, como non podía ser doutro xeito, coa colaboración prestada polo propio Concello de Lourenzá”, lembrou hoxe a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “finaliza pois unha tarefa que durou varios meses e na que, aparte de sentar as bases desta futura cooperativa, tamén se fomentou e promoveu entre os distintos fabeiros prestando asesoramento e apoio técnico, necesario para que se constituíra a cooperativa dende a Asociación Galega de Cooperativas”.

Ademais a alcaldesa anunciou que “o grupo promotor e o posterior consello reitor de Terras da Mariña Sociedade Cooperativa Galega contará con todos os apoios oficiais establecidos que axuden a unha produción e comercialización da faba e da horta da Mariña de xeito eficiente e competitivo para todos os seus socios. Está convocada para mañá, mércores, ás once da mañá a asemblea constituínte desta cooperativa, Terras da Mariña, baixo unha orde do día que ten seis puntos e na cal se vai decidir sobre a clase de cooperativa que se pretende constituír; vanse discutir e aprobar, se procede, os estatutos sociais en base ao proxecto presentado e que foi elaborado polos socios promotores e tamén polos técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca); tamén se van elixir mediante votación secreta aos compoñentes do primeiro consello reitor; e ademais designar os promotores que deberán outorgar a escritura de constitución. Nesta asemblea constituínte tamén se vai determinar a forma e os prazos en que os promotores terán que desembolsar a achega mínima obrigatoria, segundo marcan os estatutos”.

Álvarez Chao rematou manifestando que “dende o Concello agardamos que haxa moitos interesados nesta iniciativa e convidámolos a que participen neste proxecto que nos parece de máximo interese para os profesionais do sector, non só do concello de Lourenzá senón de toda A Mariña. O éxito desta iniciativa servirá para fixar postos de traballo tanto en Lourenzá como no resto dos concellos da zona que se dediquen á produción de faba. E, aínda que nun principio xurdiu a idea dunha cooperativa comercializadora, serán os socios os que mañá determinen que tipo de cooperativa se vai constituír”.