Lourenzá, 1 de xullo de 2013. A corporación local de Lourenzá ofrecerá mañá, martes, ás doce do mediodía unha recepción a representantes da asociación Hijos de Lorenzana en La Habana que están estes días visitando A Mariña. No mesmo acto colgaranse no salón de sesións municipal un cadro dedicado a ese colectivo e outro de Ángel Hermida, por ser fillos predilectos do concello.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “aproveitando este acto de recepción vamos dar cumprimento a un acordo plenario de 1912. O día 16 de novembro dese ano, sendo alcalde Valentín Solla de Ron, adoptaron o acordo plenario de nomear fillo predilecto á asociación Hijos de Lorenzana en La Habana, que estaba facendo moitas obras para os seus veciños aquí, no noso concello, e dende aquela seguen facendo traballo pero agora é un labor máis de buscar vínculos e ao mesmo tempo de seguir celebrando as costumes as tradicións que facían en Lourenzá pero na illa de Cuba”
A rexedora municipal explicou que “naquel acordo plenario aparte de nomealos fillos predilectos tamén se recolle que debe figurar no salón de sesións un cadro, adecuado ao local e ao mérito que contraen, cos nomes de todos os indicados fillos predilectos. E por iso mañá vamos colgar un cadro que recolle a acta do 16 de novembro de 1912 pola cal se proclamou á asociación Hijos de Lorenzana como fillo predilecto de Lourenzá”.
Emma Álvarez tamén deu a coñecer que “no mesmo acto temos previsto facer o mesmo con don Ángel Hermida, nomeado o 22 de novembro de 2008 tamén fillo predilecto e o seu cadro tampouco colga no salón de plenos. O único que hai ata o de agora é o de Francisco Fernández del Riego, que se puxo no ano 2011, coincidindo coa Festa da Faba, e fíxoselle unha homenaxe póstuma. A partir de mañá haberá no salón de plenos do Concello cadros dos tres fillos predilectos que ten Lourenzá: Hijos de Lorenzana, Francisco Fernández del Riego e Ángel Hermida”.