Ante a preocupación amosada por algúns veciños e veciñas de Lourenzá a raíz da noticia sobre unha posible fusión entre este concello e o de Barreiros, publicada en días pasados, gustaríame aclarar que o goberno municipal non analizou en ningún momento esa posibilidade nin ten previsto facelo.
Todas estas noticias baséanse nunha conversación informal acerca das competencias municipais na que falamos desta posibilidade como de moitos outros temas varios: unificación de servizos, vantaxe de ter maior número de habitantes, prexuízos para os veciños como as distancias á cabeceira comarcal, falta de identificación que suporía este cambio, aceptación social e mellora ou non dos servizos, etc., etc. Porque nunha conversación informal, cando hai inquedanza, os alcaldes falamos da economía dos nosos concellos e de como resolver os problemas que lles afectan aos nosos veciños, pero estas conversacións non queren dicir que se vaian a tomar decisións inmediatas tan transcendentes. Por iso non podo entender todo o rebumbio de noticias e opinións que suscitou este tema, ao que estou convencida de que o alcalde de Barreiros, co seu comentario, en ningún momento quixo dar pé.
Se nalgún momento temos que falar de fusión, ben porque sexa imposta ou ben porque traia como consecuencia unha mellora nos servizos aos cidadáns, comprométome persoalmente a non iniciar ningún contacto nin ningún trámite sen escoitar a opinión dos veciños, que en definitiva son aos que nos debemos os alcaldes. Ademais, para acadar acordos desta transcendencia para o futuro do noso concello deberíase contar cun amplo consenso social e político.
Por todo isto os veciños de Lourenzá poden confiar en que se nalgún momento as circunstancias fan necesario analizar a posibilidade de fusionarse con outro concello estarán ao tanto dende o primeiro momento.