Lourenzá, 11 de febreiro de 2014. Dentro do ciclo Febreiro teatreiro, organizado polo Concello de Lourenzá, este domingo 16 actuará o trío Trípode e o día 23 a representación correrá a cargo da compañía O Batán, de Cangas de Foz. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane.
“Dende a Concellería de Cultura de Lourenzá vimos de presentar a segunda representación do ciclo Febreiro Teatreiro. Trátase do trío Trípode, composto por Alberto Niñe, Pepe Peinó e Cachín, que o vindeiro domingo, 16 de febreiro, ás sete da tarde no salón de actos van poñer en escena a peza Xuízo anticorrupción”, explicou Lupe Flórez.
A edil de Cultura engadiu que “dentro deste ciclo teatral que deu comezo o pasado domingo coa compañía VEA, de Barreiros, esta segunda actuación correrá a cargo de Trípode e tamén podemos confirmar que a que pechará o ciclo, o domingo 23 de febreiro, será a compañía O Batán, de Cangas de Foz, que porá en escena a peza Cambadelas, un libreto de Francisco Piñeiro”.
Para rematar Lupe Flórez referiuse de novo á representación programada para este vindeiro domingo: “agardamos que esta proposta conte con aceptación de público, como soe ser habitual en todas as nosas programacións teatrais. Esperamos que a xente de Lourenzá nos acompañe nesta tarde, que seguro que garantirá risas, tratándose da compañía de escollemos para esta ocasión”.