Lourenzá, 21 de novembro de 2012. A partir do vindeiro mes de decembro o Concello de Lourenzá cubrirá toda a demanda de axuda no fogar daqueles veciños que cumpren os requisitos esixidos para recibir este servizo.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou que “a partir de principios de decembro o Concello de Lourenzá non terá lista de espera para a axuda no fogar, posto que incrementamos de 457 a 630 as horas que se están dedicando a cubrir o servizo para dependentes e tamén para libre concorrencia. Aumentámolo en 173 horas e desta maneira vamos estar atendendo a 15 dependentes e a outras 33 persoas polo método da libre concorrencia”.
Para poder cubrir toda a demanda deste servizo que hai no concello de Lourenzá “necesitamos contratar unha persoa a tempo parcial e para iso facemos unha oferta de emprego público que será convocada a través do Inem”, explicou Emma Álvarez.