Lourenzá, 26 de novembro de 2012. Nas oficinas da Casa do Concello de Lourenzá seguen recollendo firmas ata este vindeiro venres para amosar a repulsa contra a violencia de xénero e xa hai máis de cen. Onte, domingo, o libro estivo na entrada do consistorio e a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, amosouse moi satisfeita pola resposta dos veciños, porque “homes e mulleres, rapaces e maiores firmaron xa en contra desta lacra social, que desgraciadamente non ten visos de rematar”.
Ademais Emma Álvarez anima “a calquera muller que viva esta grave situación a denunciar os feitos ou cando menos a poñerse nas mans dos profesionais que as administracións teñen para axudalas”.
A rexedora municipal tamén comentou que “oxalá non se tivera que facer ningún acto simbólico neste día, iso querería dicir que a sociedade evolucionou e que homes e mulleres vivimos en concordia e respecto. Desgraciadamente parece que hai un retroceso, pois cada vez son máis os casos que se dan en xente moza; por iso calquera acto, aínda que sexa simbólico como o que fixemos onte en Lourenzá, serve para chamar a atención e mandar unha mensaxe á sociedade de repulsa cara ao maltrato físico ou psíquico. As mensaxes que máis se repetiron foron as que demandaban xustiza e as que pedían que se parara esta lacra”.
No acto de onte a alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Educación, Lupe Flórez, “e tamén se pasaron as concelleiras dos grupos da oposición municipal, que se uniron a esta causa”, explicou a alcaldesa.