EL AYUNTAMIENTO HARÁ UNA CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE VOLUNTARIOS PARA LA AGRUPACIÓN LOCAL DE PROTECCIÓN CIVIL, QUE ESTÁ FORMADA ACTUALMENTE POR 11 PERSONAS

O Concello de Lourenzá fará unha campaña de captación de voluntarios para a agrupación local de Protección Civil, que está formada actualmente por 11 persoas. Esta iniciativa acordouse nunha reunión da alcaldesa, Emma Álvarez Chao, cunha representación da directiva da agrupación, xuntanza na que tamén se analizaron os fallos que houbo durante o operativo do Domingo de Piñata, polos que piden desculpas.
“Na tarde noite de onte mantiven, como xefa de Protección Civil, unha reunión con parte da directiva da agrupación, que nestes momentos está presidida por José Álvarez Castro. Un dos motivos desta xuntanza era analizar os posibles fallos que tivemos durante o operativo aberto o Domingo de Piñata, o estado da agrupación e a situación na que traballan os voluntarios”, explicou a rexedora municipal.
Sobre o operativo do Domingo de Piñata Emma Álvarez especificou que “analizados os fallos vimos que confluíron unha serie de factores, como que foi un domingo de feira polo que as rúas non se puideron cortar ata despois de rematar a feira. Tamén influíu o cambio no percorrido, modificación á que o público non estaba acostumada e polo tanto tiña que adaptarse a unha situación nova, así como algún fallo interno que se tivo por parte do Concello á hora de sinalizar. Polo tanto pedimos desculpas en nome da agrupación en do Concello polos fallos que se cometeron ese día”.
A alcaldesa engadiu que “esta agrupación está composta por once persoas e decidimos facer unha campaña de captación de voluntarios, vamos abrila a nova xente que queira formar parte dela. Sabemos que son persoas con vocación de servizo posto que é unha labor non remunerada, pero hai xente nova con gañas de traballar e de axudar no pobo e polo tanto parécenos moi importante darlle cabida neste tipo de agrupacións. Para iso faremos unha charla con algún membro de Protección Civil a nivel autonómico e tamén estará o noso presidente para explicar en que consiste a agrupación e que fan os voluntarios, que teñen que estar ao servizo da agrupación para os operativos cando así o requiran, sempre que sexa compatible co traballo que ten cada un”.