Lourenzá, 20 de decembro de 2012. O Concello de Lourenzá mellorará a área recreativa de A Cazolga coa colocación dun valado de protección entre o río, no lugar onde hai desnivel, e a zona das barbacoas, que foron rehabilitadas polos alumnos do curso de albanelería que rematou recentemente. A área recreativa foi visitada onte, mércores, pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, e o xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta, Antonio Callejo.
A rexedora municipal espera ter rematada esta obra no primeiro trimestre do próximo ano 2013 e explicou que se fará con fondos propios do Concello porque “non nos concederon a subvención para esta actuación solicitada á Rede Natura, porque o noso municipio ten moi pouca superficie incluída nese espazo protexido” .
Por outra parte, o Concello de Lourenzá presentou dous proxectos ao Plan de Infraestruturas de Uso Público. Un deles é a creación dunha ruta de sendeirismo de case 20 quilómetros con saída e remate en Vilanova de Lourenzá e o outro é a adecuación da área recreativa do Muíño do Pereiro e a súa conexión coa Ponte do Xuncal.
Para Emma Álvarez o ideal é que se aproben os dous proxectos aínda que é consciente de que é moi difícil e darase por satisfeita si se realiza un deles.