Lourenzá, 30 de marzo de 2013. O Concello de Lourenzá presentou hoxe a 17ª edición do concurso fotográfico Festa da Faba, que inclúe varias novidades respecto a anos anteriores e un premio de 500 euros para a mellor serie de fotos sobre A Mariña.
A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou que “a 17ª edición do concurso fotográfico Festa da Faba reúne unha serie de novidades. A máis destacada é a data de presentación, porque sempre se facía no verán e este ano quixemos adiantalo para dalo a coñecer uns meses antes e que desta maneira chegue a máis público e se presenten maior cantidade de traballos”.
Outra novidade importante “é a existencia dunha única categoría nesta edición. Xeralmente había dúas categorías, pero o propio título daba lugar a erros e por iso decidimos refundila nunha única categoría denominada Terras da Faba. Isto é así porque pretendemos que a temática agora represente a todos os concellos que integran A Mariña lucense, zona de produción da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e desta maneira darlle un sentido máis amplo ao concurso fotográfico, non centrándonos só en Lourenzá senón na zona onde se produce a faba da IXP”, engadiu Lupe Flórez.
A concelleira de Cultura considera que “o feito de refundir nunha soa categoría o concurso deste ano tamén leva consigo que a dotación económica sexa para un único premio. Desta maneira pasamos a ter un premio de 500 euros, que para os participantes tamén resulta máis atractivo polo feito de que a serie premiada se recoñeza cunha cantidade económica máis elevada”.
O premio será para a mellor serie de fotografías, que deben ser un mínimo de 4 e un máximo de 6, cunhas medidas de 20 por 30 centímetros e teñen que presentarse reveladas en papel fotográfico e tamén en formato dixital. O prazo remata o 20 de setembro deste ano. O Concello de Lourenzá designará un xurado para valorar as obras presentadas e o fallo darase a coñecer o 1 de outubro deste ano.
Os interesados en obter máis información sobre as bases do concurso poden dirixirse ao Concello de Lourenzá, chamando aos teléfonos 982.12.10.06 ou 982.12.15.52, e tamén na páxina web www.concellodelourenza.es.