Lourenzá, 25 de xuño de 2013. O Concello de Lourenzá xa está traballando para reparar os danos causados na madrugada do domingo ao luns no alumeado público de Vilanova, que esperan ter restablecido hoxe, e nos pivotes da ponte sobre o río Baos. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, considera que estes estragos rozan o vandalismo, algo que non está permitido aínda que sexa a noite de San Xoán.
“Dende o Concello xa estamos a traballar na reparación dos estragos causados na noite de San Xoán. Dende as 3 e media da mañá todo o alumeado público do casco urbano estivo apagado e foi porque baixaron os automáticos dos contadores e incluso naqueles cadros que estaban pechados arrancaron as bisagras para poder acceder a estes contadores, polo que quedaron tres cadros coas tapas rotas. Aparte destes danos tamén arrancaron os pivotes da ponte que cruza o río Baos á entrada de Lourenzá”, explicou esta mañá a rexedora municipal.
Emma Álvarez considera que “si se deben conservar as tradicións, de feito dende o Concello apoiamos a aquelas asociacións que nos pediron axuda para facer a fogueira de San Xoán. Pero o que non nos parece de recibo e que coa súa actitude algunha xente roce o vandalismo, o que mesmo podía ser obxecto de denuncia, posto que facer danos no alleo non está permitido nin tan sequera na noite de San Xoán”.
A alcaldesa comentou ademais que “tamén colleron o dumper do Concello e trouxérono para diante do Cantón. Iso si que se pode considerar como unha broma dentro das que se fan tradicionalmente no día de San Xoán, cando colles unha cousa e sen facer ningún dano a trasladas de lugar”.
A rexedora rematou anunciando aos veciños de Lourenzá que “estamos xa a traballar na reparación de todos os danos ocasionados e contamos que esta noite si teñan luz, despois de estar sen ela a noite pasada e tamén parte da anterior”.