EL AYUNTAMIENTO TRAMITA LAS SOLICITUDES DE PRÁCTICAS FORMATIVAS PARA JÓVENES EN EMPRESAS DEL EXTRANJERO, QUE CONVOCA LA XUNTA DE GALICIA

O Concello de Lourenzá tramita as solicitudes de prácticas formativas para mozos e mozas en empresas do estranxeiro, que convoca a Xunta de Galicia.
A concelleira de Educación, Lupe Flórez Seivane, anunciou que o Concello de Lourenzá, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) tramita “as axudas e as prazas para aquelas persoas xoves que queiran disfrutar dunhas prácticas formativas non remuneradas en empresas de calquera estado ou país do mundo durante 8 semanas. Estas prazas sácaas a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado”.
Lupe Flórez engadiu que “os requisitos básicos que teñen que cumprir as persoas que estean interesadas en acceder a estas becas son ser galegos e estar empadroados en calquera concello de Galicia, ter entre 18 e 30 anos ao remate do prazo de presentación de solicitudes, ter algunha das titulacións que se requiren, como as de técnico de grao medio ou superior en Formación Profesional, de ensinanzas de artes plásticas e deseño, de ensinanzas deportivas ou ben calquera título universitario de grao ou equivalente. Esta titulación debe ser dos cinco últimos anos e estar acreditada e, por outra parte, debe coñecer a lingua do país de destino que elixa na súa solicitude”.
A edil explicou tamén que “os gastos que se subvencionan nestas axudas son a manutención, o aloxamento e todos aqueles materiais de primeira necesidade para a súa estancia no país de destino, así como a viaxe e o transporte para chegar e facer os desprazamentos de ida e volta. Todas estas solicitudes faranse a través dun formulario normalizado que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O prazo de inscrición remata o vindeiro 28 de marzo do ano en curso”.
Flórez Seivane comentou ademais que “a función básica da OMIX local, que presta axuda na tramitación destas becas, realizase en horario de mañá a través do técnico de emprego do Concello nas oficinas municipais e na sede da propia OMIX polas tardes, en horario de cinco a oito, a través da responsable local da mesma. A función básica dos dous técnicos municipais será a de asesorar e axudarlles a aqueles rapaces interesados a presentar a documentación e distintos requisitos que se precisan para poder ter acceso a unha destas 300 prazas ofertadas”.
A concelleira de Educación rematou explicando que “as axudas poden chegar ata os 2.400 euros e a convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 28 de febreiro”.