Lourenzá, 22 de novembro de 2012. Este sábado, día 24, cúmprese o primeiro aniversario da apertura do centro de día de Lourenzá e para conmemoralo haberá unha xornada de portas abertas e varias actividades mañá, venres.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, lembrou que “fai un ano que botou a andar o centro de día de Lourenzá, que empezou a construírse no 2005, que foi equipado no 2010 e, por fin, fai un ano que abriu. Empezou con 3 usuarios e a día de hoxe xa conta con 12. Ten concedidas 15 prazas ata o ano 2014 prorrogables ata un total de 25, aínda que debemos ter en conta que este centro de día, debido as súas características, ten unha capacidade para 35 prazas”.
Emma Álvarez explicou tamén que no centro de día de Lourenzá “ofrécense distintos servizos, entre eles asistencia ás unidades de atención, almorzo, comida, merenda e tamén ten servizo de transporte e conta con un amplo equipo de profesionais interdisciplinares: traballadora social, psicóloga, terapeuta ocupacional, auxiliares de xeriatría e, por suposto, a coordinadora”.
Ademais a rexedora municipal anunciou que “como aínda quedan prazas libres as persoas que teñan interese en saber como funciona poder contactar co propio centro ou ben a través dos Servizos Sociais do Concello de Lourenzá en horario de mañá ou no teléfono 982.12.10.36”. E tamén deu a coñecer que “con motivo precisamente deste aniversario a empresa que xestiona o centro, posto que o Concello ten un convenio co Consorcio, este venres fará o día de portas abertas con distintos actos para os maiores que atenden e tamén para as súas familias e por suposto para calquera persoa que se pase por alí”.