Lourenzá, 15 de xuño de 2013. O equipo de baloncesto feminino foi recibido hoxe na Casa do Concello como homenaxe polo ter logrado o ascenso á Primeira División Nacional. No acto a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, falou do pasado, do presente e do futuro do club e destacou que o deporte é un dos grandes escaparates do municipio.
A rexedora municipal empezou a súa intervención felicitando ao equipo “polo seu merecido ascenso á liga Nacional; sen dúbida é unha mostra de fortaleza e de compromiso, todo un logro polo que hai que estar agradecidos e recoñecer a labor tanto das rapazas que conforman o equipo como de todos aqueles que o fixeron posible: o seu adestrador e todo o persoal técnico e directivo que está detrás. E permitídeme que neste intre faga unha mención especial a Rubén García Piñeiroa, técnico municipal, que de non ser por el o deporte en Lourenzá non sería o mesmo, xa que a súa labor vai máis aló do traballo que ten asinado no contrato co concello. Pero o que hoxe festexamos remóntase ao ano en que botan a andar as escolas deportivas municipais na procura de ofertar algo máis aló do fútbol e sobre todo pensando nun deporte que, ao marxe do atletismo, practicaran as nenas en equipo. E así empeza a historia do basket feminino en Lourenzá, xa un referente máis aló da Mariña e que a través do torneo de basket feminino que se celebra en Semana Santa chegou a ser berce de equipos internacionais”.
Emma Álvarez lembrou que “todo arranca cun grupo de cativas que empezan a adestrar, sen competir, baixo a tutela de Rafael Cabaleiro. Na terceira tempada é relevado por Ruben García, o técnico de deportes municipal, e xa se empezou a competir durante varias temporadas ata que se foron completando todas as categorías: benxamín, alevín, infantil, cadete, junior ... Máis tarde baixo a batuta de José Antonio Sama inscríbese ó equipo sénior, formado por xogadoras en idade xuvenil, en 1ª Provincial. Este equipo está só un ano en Provincial e ascende á liga Autonómica para representarnos por toda Galicia. O equipo no 2005/06 segue adestrado por Sama e logra a permanencia na última xornada. A partir de aí o equipo mantense durante 8 temporadas consecutivas na elite galega adestrado dende a tempada 2006/07 por Juan Nécega”.
A alcaldesa engadiu que “na tempada 2011-2012 establecemos un convenio de vinculación co Ensino Lugo co obxectivo de formar rapazas da provincia e da Mariña ás que lles guste o basket e non dispoñan de minutos en Liga Feminina. Ese ano o equipo, adestrado por Cristina Vázquez e quedando de 6º clasificado, logra a mellor clasificación ata a presente tempada. Este ano de novo Juan Nécega volveu coller as rendas dun equipo que con moito esforzo, con sonos, alegrías e tamén algún que outro momento duro fixo historia, porque foi subcampión de Liga regular e campión da Fase de Ascenso a Nacional con equipos de Cantabria, Asturias e Castela León”.
“Estamos falando dun deporte que quizais non teña a atención mediática que se merece, xa que os grandes reportaxes gráficos aínda os seguen acaparando deportes como o fútbol e sobre todo deportes nos que debutan homes, pero este ano as mulleres fixeron doblete na historia do deporte na Mariña. Por este motivo podo dicir que me sinto máis identificada con vosoutras e anímovos a seguir poñendo ás mulleres á mesma altura dos homes. Non somos nin máis nin menos, pero queremos as mesmas oportunidades e os mesmos recoñecementos”, dixo a rexedora.
Emma Álvarez tamén explicou que “a vida, a política e o deporte son un constante reto. Todos nos identificamos coa nobreza, esforzo e perseveranza que implican alcanzar o cume no deporte. Este desafío é un referente dos mellores valores do conxunto da nosa sociedade e da forza que guía aos máis novos a superar calquera dificultade. Estamos nunha época difícil e os galegos, e por tanto os laurentinos, sabemos que as dificultades son oportunidades para crer en nós mesmos, superarnos e facernos máis fortes”.
Ademais a rexedora municipal comentou que “o deporte ensínanos a todos como superar os desafíos por grandes que estes sexan. O deportista sabe que para estar entre os mellores, para chegar ao instante da competición decisiva e para aspirar ao triunfo só hai un segredo: adestrar, adestrar e adestrar; iso é traballo, traballo e máis traballo. É dicir, consagrar todo o noso pulo a unha soa meta: superar as adversidades e vencerse a un mesmo para logo vencer no estadio. E iso, que é unha lección para o deporte, é tamén unha gran lección para a vida: saber que se as cousas saen ben non é por ningún azar senón porque loitamos por elas; e aos que o azar os acompaña tarde ou cedo acaban caendo”.
Emma Álvarez destacou que “o deporte é un dos grandes escaparates do noso concello é un ingrediente fundamental á hora de dar significado a Lourenzá mais aló da súa contorna. Os éxitos dos nosos deportistas xunto coas nosas fabas, aínda que hoxe non veñen ao caso, favoreceron a divulgación do noso concello e do noso patrimonio por Galicia adiante e a partires de agora polo norte de España”.
A alcaldesa rematou falando do futuro do equipo: “o feito de que a día de hoxe non haxa ningunha rapaza nativa de Lourenzá xogando có ED Lourenzá-Ensino non debe deixar levarnos polos impulsos e á hora de tomar decisións debemos pensar no futuro e ter presente que aínda que vivimos nun concello rural, de pouco máis de 2.400 habitantes, os nosos rapaces e as nosas rapazas tamén teñen dereito a practicar un deporte que lles gusta, acadar éxitos e ao mesmo tempo aprender valores e esforzo en equipo. Temos detrás unha gran canteira nas ED Lourenzá - Mondoñedo, unhas rapazas que mostraron capacidade de integración e xogo en equipo. Por ese motivo e porque é xusto para as xogadoras que lograron o ascenso a partir de agora nace o proxecto a nivel nacional. A directiva das E.D. Lourenzá, con Pablo Maseda á fronte, e a directiva do Ensino de Lugo tratarán de buscar o mellor financiamento posible para lograr que o que estas rapazas gañaron co seu suor na pista non o perdan entre papeis nos despachos. Dende o mesmo día do ascenso cónstame que ambas directivas traballan de arreo para consumar un proxecto deportivo que a todos nos enche do orgullo. Dende o punto de vista económico o noso Concello sabemos que está limitado, sobre todo nesta época de crise que nos tocou vivir, pero aínda así transmitímoslles a forza e a ilusión para que loiten por novos retos ao mesmo tampo que lles damos as grazas por que leven o nome de Lourenzá ata onde ata o de agora ninguén o conseguira levar antes”.