Lourenzá, 20 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, aclarou esta mañá que o goberno municipal non analizou en ningún momento a posibilidade de fusionar este concello co de Barreiros nin con outro municipio.
Emma Álvarez explicou que “nunha cea particular celebrada en outubro do ano pasado en Cervo, na que estábamos Alfonso Fuente Parga, José Manuel Yanes Ginzo e eu mesma coas nosas respectivas parellas comentei de maneira informal que íamos ter que acabar pensando en fusionar Barreiros, Trabada e Lourenzá. Pero en ningún momento foi unha proposta oficial e sorpréndeme que agora saia a relucir esta cuestión como si fose algo no que esteamos traballando, porque no caso de Lourenzá non é así. En ningún momento o goberno municipal falou deste asunto”.
A rexedora municipal de Lourenzá considera que “o interesante agora mesmo é acadar acordos entre os diferentes concellos para prestar servizos conxuntamente, como xa estamos facendo actualmente con municipios como Trabada, Barreiros, Alfoz ou Mondoñedo para asuntos como a recollida de lixo ou o obradoiro de emprego. E si no futuro é necesario chegar a fusionar Lourenzá con outros concellos haberá que analizalo con moita calma e tendo en conta a opinión dos veciños, que son aos que nos debemos os alcaldes”.