Lourenzá, 28 de xaneiro de 2013. O salón de actos da casa de cultura de Lourenzá acollerá mañá martes, 29 de xaneiro, unha charla sobre a reciclaxe de residuos, que correrá a cargo do presidente de Sogama, Luis Lamas. Será ás 19: 30 horas. O acto está destinado ás amas de casa e a todas as persoas que xeran residuos nos seus domicilios.
A charla leva por título A reciclaxe, un logro que nos implica a todos. A entrada é libre “pero vai destinada fundamentalmente ás amas de a casa e a todas as persoas que xeran residuos nos seus fogares”, segundo explicaba hai uns días a alcaldesa laurentina.
Emma Álvarez destacou a importancia de reciclar os residuos “non soamente polo futuro das próximas xeracións, senón tamén polo aforro que iso implica aos concellos”.
Os asistentes a dita charla recibirán unha bolsa con material divulgativo e publicitario como bolígrafos de cartón reciclado, lapiseiros, imáns de neveira ou receitarios de cociña, entre outras cousas.