EL SALÓN DE ACTOS ACOGERÁ MAÑANA UN TALLER DE IDEAS PARA JÓVENES. EL PLAZO DE INSCRICIÓN ESTÁ ABIERTO HASTA LAS 20 HORAS DE HOY

O salón de actos do Concello de Lourenzá acollerá mañá, sábado, un taller de ideas para que os mozos aprendan a elaborar proxectos para presentar ante as administracións. Esta mañá xa había 15 inscritos e o prazo para apuntarse está aberto ata as oito desta tarde na biblioteca municipal.
A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, anunciou que “o Concello de Lourenzá ven de organizar para mañá, sábado, no salón de actos ás 11 da mañá unha iniciativa denominada Taller de Ideas, que nos chega a través da Xunta de Galicia, concretamente da Consellería de Traballo e Benestar por medio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En Lourenzá ocúpase da organización a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e basicamente está dirixido a todos aqueles xoves ou persoas e colectivos relacionados coa xuventude, tanto entidades que presten servizos á xuventude, grupos de mozas e mozas de carácter informal ou en asociacionismo, técnicos municipais tanto de emprego como de carácter xuvenil, animadores socioculturais, etcétera”.
Lupe Flórez explicou que “está encamiñado basicamente a habilitar ás persoas que participen en competencia sobre a redacción de proxectos de participación para que desta maneira aumente a calidade daqueles proxectos que se presentan ante a administración. Desta maneira poderán dar resposta a esta liña de subvencións que, a nivel autonómico, a Xunta de Galicia convoca anualmente, destinadas fundamentalmente a aquelas iniciativas de participación activa de voluntariado da xente nova na sociedade.”
A edil de Educación engadiu que “contaremos coa presenza de dous técnicos que van encamiñar a todas as persoas que participen nesta xornada precisamente nestes dous aspectos: por unha parte a relación e elaboración dos proxectos de participación, que ideas principais e que estruturación deben seguir para que á hora de chegar á administración sexan valorados positivamente; e, por outra parte, aumentar a calidade daqueles proxectos que xa veñen presentando distintos colectivos, tanto de carácter informal como asociacións, anualmente a través desta liña de subvencións da Xunta de Galicia”.