Lourenzá, 21 de setembro de 2013. Neste mes de setembro a charla organizada polo Concello de Lourenzá está dedicada aos problemas de convivencia cos adolescentes. Será impartida pola pedagoga Carolina García Chico o vindeiro xoves, día 26, ás oito da tarde no salón de actos municipal.
A concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, anunciou que “dende o Concello de Lourenzá, dentro da liña de charlas que se veñen levando a cabo con carácter periódico, vimos de organizar unha para este mes de setembro, que será o xoves 26 ás oito da tarde no salón de actos. Nesa ocasión está organizada pola Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude, da Xunta de Galicia”.
Lupe Florez explicou que é unha charla “enfocada a pais e nais de rapaces adolescentes e pre adolescentes, que será levada a cabo por unha asociación chamada Maumarela, do veciño concello de Ribadeo e dedicada especificamente a un espazo de aprendizaxe e creatividade pedagóxica. Nesta ocasión en concreto a persoa que vai impartir a charla participativa será a pedagoga Carolina García Chico, que é unha especialista en intervención familiar. A duración estimada é de dúas horas e tentaremos aclarar aquelas dúbidas que xurdan aos presentes. Ten como título significativo ¡Socorro, teño adolescentes na casa!”.
A edil rematou comentando que “basicamente enfocámola a través de dúas liñas específicas: por unha banda trataremos de dar cabida a aqueles problemas de convivencia e comunicación que xorden entre os pais e nais de fillos adolescentes e aportar unha serie de estratexias de convivencia; e, por outra parte, unha problemática que é tamén das de maior actualidade hoxe en día, que é a establecida pola difusión das redes sociais, que son basicamente as canles a través das que se comunican os adolescentes. Neste senso o segundo apartado da charla irá dedicado aos novos marcos de relación e dentro destes á importancia que teñen as redes sociais no establecemento de relación entre adolescentes e aos controis que os pais e nais poden exercer nestes medios de comunicación que son os escollidos principalmente polos adolescentes para comunicarse e que entrañan unha serie de perigos que moitas veces descoñecen polo que xorden problemáticas polo uso indebido das mesmas”.