Lourenzá, 1 de outubro de 2013. Os produtores que venderán fabas nas casetas instaladas no Cantón de Vilanova de Lourenzá o sábado e o domingo próximos fixaron os prezos para esta edición da Festa da Faba. Deunos a coñecer hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.
“Esta fin de semana na 23ª edición da Festa da Faba, como ven sendo habitual, teremos as típicas casetas de fabeiros situadas no Cantón, onde se poden comprar as fabas de Lourenzá envasadas en saquiños de un e medio quilo. Para este ano xa se fixaron os prezos aos que venderán todos os produtores, que van estar nas casetas o sábado dende as 11 da mañá ata as 8 e media da tarde e o domingo dende as 9 e media da mañá ata as 8 da tarde. Esas fabas terán un único prezo que foi fixado nunha reunión que mantiveron os produtores e fixéronnolo chegar para que sexa coñecido polo todo o público en xeral”, explicou a rexedora municipal.
Emma Álvarez anunciou que “este ano a faba envasada da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá vai ter un prezo de 11 euros o quilo. Pero tamén se poñerán á venda outros tipos de envases, que non pasan polos rexistros da IXP pero si é faba galaica, a mesma variedade, e terán un prezo un pouquiño máis baixo. Esa faba poderase comprar envasada a 9 euros o quilo e a granel terá un prezo de 8 euros o quilo. Tamén se venderá faba fresca a 6 euros e incluso haberá casetas que terán as fabas coa propia vaina, a 3 euros o quilo. Ademais da Faba de Lourenzá e a galaica tamén poñerán a venda a verdina, que terá un prezo de 9 euros a envasada e 8 euros cando é a granel. Tamén hai algún stand que terá fabas do caldo, a 3 euros o quilo. E unha vez máis teremos á única produtora de faba ecolóxica que existe no Val de Lourenzá e a súa produción vai estar nunha caseta este domingo. A faba ecolóxica ten as mesmas presentacións citadas anteriormente: galaica, envasada, a granel, fresca, con vaina e do caldo. Todas estas fabas ecolóxicas teñen un euro máis de prezo que as convencionais”.