LA ALCALDESA DESTACA LA LABOR DE LAS ASOCIACIONES PARTICIPANTES EN LA JORNADA TODOS CARA A TOVAR, QUE TENDRÁ CONTINUIDAD EN AÑOS SUCESIVOS

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, fixo hoxe balance da xornada Todos cara a Tovar, que se celebrou antonte, domingo. Destacou o labor realizado polas asociacións participantes e augura que esta iniciativa terá continuidade en anos sucesivos.
A rexedora municipal explicou que “o pasado domingo máis de 300 persoas gozamos no entorno do Pazo de Tovar dunha xornada de confraternidade e lecer froito da entrega e do traballo de distintas asociacións que o fixeron posible. Así mesmo grazas ao programa Monumenta, da Xunta de Galicia, que tamén colaborou traendo actividades como a representación teatral da compañía Fantoches Baj ou unha masterclass de Iago Castrillón, que nos deleitou cunha versión moderna da preparación das fabas: cociñounos en directo fabas de Lourenzá con callos de bacallau, chourizo de polbo, lagostinos e algas, aínda que tamén puidemos degustar as tradicionais fabas con callos de tenreira”.
Emma Álvarez engadiu que “dende o Concello e eu concretamente como alcaldesa non podo máis que dar as grazas ás distintas asociacións pola unidade que demostraron á hora de sacar adiante esta xornada, chamada Todos cara a Tovar, que auguro que terá continuidade no tempo posto que todas as asociacións están pola labor de que se instaure este día e que todos os veciños de Lourenzá poidamos gozar dunha xuntanza de confraternidade en torno ao castelo”.
A alcaldesa destacou que “o bo ambiente e a unidade sen dúbida foron a tónica xeral, onde tamén a cultura tivo un espazo destacado, xa dende as indicacións que Carlos Andrés González Paz nos deu aos sendeiristas perante á Pena do Castelo para rematar no faladoiro, onde participaron a concelleira de Cultura, Lupe Flórez; o dono do pazo, José Ventoso; e Emilia García, un veciña de Oural que a través das anécdotas nos situou fai uns anos no tempo e inclusive puxo unha nota musical entoando algunha cantiga típica da zona. Tamén houbo xogos, que organizou a asociación de comerciantes Acial: A busca do tesouro, para nenos e para adultos, que a través das pistas nos ensinou a cultura dos pazos e tamén a coñecer o edificio de Tovar”.