LA COMISIÓN FORMADA POR REPRESENTANTES POLÍTICOS Y VECINALES PARA ELABORAR EL ESCUDO DEL AYUNTAMIENTO SE REUNIRÁ EL PRÓXIMO LUNES, 14 DE ABRIL, PARA ANALIZAR LA NUEVA PROPUESTA RECIBIDA

A comisión formada por representantes políticos e veciñais para elaborar o escudo do Concello de Lourenzá reunirase o vindeiro luns, 14 de abril, ás sete da tarde para analizar a proposta recibida. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.
“O vindeiro luns ás sete da tarde teremos unha reunión da comisión que creamos para a elaboración do escudo e a bandeira do Concello de Lourenzá, na que están representantes políticos e tamén das asociacións municipais agás da Anpa, que de xeito expreso manifestou que non quería participar. A esta reunión asistirá o vicepresidente da Comisión Heráldica, que ademais é delegado do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia e tamén presidente do Instituto Padre Sarmiento, que é Eduardo Pardo de Guevara. Está pendente de confirmar a presenza do presidente da Comisión Heráldica, que ao mesmo tempo é o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos”, explicou a rexedora municipal.
Emma Álvarez lembrou que “é a segunda reunión, xa que tivemos a primeira no pasado mes de xuño e nela sacamos como conclusións que non tíñamos escudo, que estamos traballando cun logo e que é moi importante aprobar un escudo para utilizar nos membretes oficiais, pois a día de hoxe estamos cometendo unha irregularidade posto que tíñamos que estar utilizando o escudo do Reino de España. Naquela última reunión as propostas que dende a Comisión Heráldica nos formularon aos veciños que estábamos alí, representando tanto á parte política como ás asociacións, de xeito unánime rexeitámolas porque non estamos dispostos a renunciar a que a Ponte da Pedra estea presente no escudo do noso concello. Despois foron varias as propostas que nos mandaron dende a Comisión Heráldica, pero sempre eran pontes con dous ollos e polo tanto non chegamos nin tan sequera a reunir esta comisión creada no Concello de Lourenzá para analizar esas propostas pois foron rexeitadas xa polo equipo de goberno”.
A alcaldesa engadiu que “agora si temos unha proposta cunha ponte dun só ollo ademais doutros símbolos. Hai que ter en conta que Lourenzá é un concello que está cargado de historia, que pode estar representada nesta vitrina que será o noso escudo. Polo tanto a reunión que teremos o vindeiro luns ás sete da tarde é para que Pardo de Guevara nos explique en que consiste este novo escudo e tratar de dicir de forma unánime se nos vemos ou non representados nel e se continuamos cos trámites para convertelo no escudo oficial no noso concello”.