A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “na tarde de onte mantivemos unha xuntanza da comisión de seguimento para a creación do escudo e da bandeira que represente ao Concello de Lourenzá. Nesta reunión estiveron presentes Eduardo Pardo de Guevara, que é o vicepresidente da Comisión Heráldica e a maiores é o delegado do CSIC en Galicia e director do Instituto Padre Sarmiento; Alberto Pazos, que é o director xeral de Administración Local e presidente da Comisión Heráldica de Galicia; e tamén Pablo Otero, que é vocal da mesma comisión. Traían varias propostas que analizamos entre a representación dos veciños e os políticos que estábamos nesa xuntanza. Concretamente foron 8 as asociacións que estiveron representadas: as asociacións de veciños de San Xorxe, de San Adriano e de Santo Tomé, a asociación Conde Santo, a de amas de casa e consumidores Baos, a da terceira idade Valdeflores, as escolas deportivas e a asociación de comerciantes. A maiores estábamos os representantes do PP e do Partido Socialista”.
A rexedora municipal engadiu que “nesta xuntanza víronse varios bosquexos, algúns deles partían dunha ponte dun só ollo con distintas figuras que podían completar o escudo e había outros nos que se partía do sarcófago do Conde Santo, que era unha das propostas que saíra na anterior xuntanza que mantivera esta comisión a finais do mes de xuño. Tamén se volveu ver a proposta inicial, que era un báculo cun velo abacial e unhas espigas representando o carácter agrícola deste concello, ademais estaba presidido por unhas vieiras ou veneras en representación do Camiño de Santiago, que pasa polo concello. E precisamente esta foi a proposta que decidimos apoiar para que o escudo estea representado polo emblema que a día de hoxe máis representa ao Concello de Lourenzá, que é o mosteiro de San Salvador; de aí o báculo e o velo abacial, que é o eixe central do escudo que saíu elixido na xuntanza de onte”.
Emma Álvarez destacou que “debemos ter claro que un escudo e unha bandeira é algo que ten que perdurar no tempo, que non é para dous días. Polo tanto vemos moi positivo que houbera un consenso por parte de todos os alí representados. Todos os que, con boa mente, participamos nesta comisión queremos que o resto dos veciños tamén adopten este escudo como seu e sobre todo aquelas asociacións ou representantes políticos que non acudiron a esta xuntanza. Foron invitados e se tiñan algo que dicir o momento era onte na comisión. O pobo manifestouse a través dos seus representantes e adoptamos o acordo de que este será o escudo que represente Lourenzá. Non obstante dende a Comisión Heráldica fixéronnos a proposta de manter a actual Ponte da Pedra, cunha coroa monástica en vez de condal, como un selo. Polo tanto o Concello de Lourenzá será privilexiado posto que terá un escudo oficial, que persoalmente considero que é moi bonito, hai poucos con esta beleza heráldica e con esta singularidade, e por outra parte vamos poder seguir usando o selo para outros temas menos oficiais, pois xa é unha costume asociar a Ponte da Pedra ao Concello de Lourenzá.
A alcaldesa rematou explicando os trámites que haberá que facer a partir de agora: “despois da xuntanza de onte e tendo claro que xa sabemos cal é o escudo que queremos que nos represente, por parte da Comisión Heráldica quedaron en que en menos de 15 días pasarannos xa a documentación oficial para poder levalo ao pleno que teremos a mediados de maio. Unha vez sexa aprobado nesa sesión será exposto durante 30 días e pasará xa á Comisión Heráldica, que finalmente ten que pronunciarse aprobando ou non a proposta. Consideramos que, tendo en conta que foi o propio vicepresidente o que fixo o bosquexo e que ten o apoio do pobo para que esta proposta sexa o noso escudo, será aceptada e en menos de tres meses poderemos ter xa bandeira e escudo no concello de Lourenzá”.