Lourenzá, 19 de abril de 2013. A execución do museo e centro de interpretación no Pazo de Tovar foi adxudicada hoxe pola comisión de goberno do Concello de Lourenzá cun orzamento de 135.720 euros máis IVE e un prazo de 2 meses á empresa Copcisa.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou que “tomouse o acordo de contratar á empresa Copcisa, que é a que está a día de hoxe realizando as obras que a Consellería de Educación e Cultura está executando xa no inmoble. A contratación vai saír por 135.720,61 euros máis IVE e supón unha rebaixa de prezo de algo máis de 27.000 euros”.
Emma Álvarez explicou que o Concello “invitou a participar a todas aquelas empresas que se interesaron por esta obra, un total de 9, das que soamente 5 presentaron presuposto e só unha delas era do Concello de Lourenzá. E, aínda que nos gustaría que quedara o traballo aquí para a xente do noso concello, non queda máis remedio que entregarllo a esta empresa posto que foi a sacou máis puntuación en todas as categorías que puxemos no prego de condicións”
A rexedora municipal engadiu que “aínda que non é unha empresa do concello xa está traballando alí e polo tanto entendemos que esta baixa no prezo é nin máis nin menos que por ese motivo, porque xa ten un despregamento de luz, auga, estadas e persoas traballando na obra, o que resulta máis económico que para calquera outra empresa que veña de fóra agora e teña que empezar a partir de cero”.
A alcaldesa rematou explicando que “segundo o prazo de execución que nos marca esta empresa, son dous meses dende a data de contratación e polo tanto o Pazo de Tovar será unha realidade como Centro de Interpretación da Cultura Pacega a finais de xuño”.