LA CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBÓ POR UNANIMIDAD SOLICITARLE A LA REAL ACADEMIA GALEGA QUE EL DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2020 SE DEDIQUE A LA FIGURA DEL INTELECTUAL LAURENTINO FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

A corporación municipal de Lourenzá, no pleno celebrado hoxe, aprobou por unanimidade solicitarlle á Real Academia Galega que o Día das Letras Galegas do ano 2020 se dedique á figura do intelectual laurentino Francisco Fernández del Riego. Tamén acordou propoñer ao Concello de Vigo e á Fundación Penzol que se sume a esta petición.
A concelleira de Cultura e portavoz do goberno local de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, explicou que “a parte máis sentimental do pleno de hoxe foi unha certa homenaxe que quixemos facer, porque nos atopamos no día previo á celebración das Letras Galegas e o pasado ano 2013 se dedicou á lembranza do noso fillo predilecto Francisco Fernández del Riego, e nesta ocasión dende o equipo de goberno levamos unha moción para pedir o apoio dos outros dous grupos que forman a corporación municipal para trasladar á Real Academia Galega a solicitude de que se lle dedique o Día das Letras Galegas no 2020 a Francisco Fernández del Riego, pois é cando se cumprirán os dez anos do seu falecemento e tendo en conta a súa traxectoria académica e cultural, tendo en conta a súa forte vinculación con Lourenzá (a súa vila natal), o pseudónimo que máis utilizou foi o de Salvador Lorenzana, os distintos intercambios que a nivel cultural tivo con nós a través de doazóns para a biblioteca municipal en varios períodos da súa vida, e mesmo unha chegounos despois do seu falecemento; e finalmente o feito de que se trate dun dos nosos fillos predilectos, que foi nomeado en novembro de 2001. Cremos que por todo isto é de xustiza que unha vez pasado o prazo de dez anos dende o seu falecemento a Real Academia Galega teña a ben dedicarlle o Día das Letras Galegas. O apoio dos outros dous grupos que conforman a corporación municipal produciuse e polo tanto foi unha moción que se sacou adiante por unanimidade”.
Lupe Flórez engadiu que “tamén pedimos que se teña en conta a presenza de Lourenzá dentro deses posibles actos que puideran xurdir con motivo do Día das Letras Galegas. Finalmente incluímos un acordo para solicitarlle a adhesión a esta petición ao Concello de Vigo, co que Del Riego tivo unha forte vinculación e foi onde residía cando faleceu, e á Fundación Penzol, xa que foi unha institución intimamente ligada á vida académica e cultural do noso fillo predilecto”.
Por outra parte, na sesión plenaria “foi aprobado por maioría o escudo e a bandeira que van representar a Lourenzá e nos próximos días poñerase a exposición pública por se puidese haber algunha alegación ao respecto”, anunciou a concelleira de Cultura.
Sobre asuntos económicos abordados no pleno de hoxe, Flórez Seivane explicou que “en canto ao informe do presuposto de 2014, o departamento de Secretaría-Intervención rexistrou que cumprimos o obxectivo de gasto e a regra de estabilidade. E, directamente relacionado con este presuposto, tamén se deu conta da liquidación do exercicio de 2013, no que destaca que temos un superávit de 336.000 euros, aínda que non se pode utilizar para realizar inversións xa que debe dedicarse a amortizar débeda. En canto ás facturas do primeiro trimestre deste ano 2014, comparado co cuarto trimestre de 2013, cando o período de pago estaba en 131 días, neste primeiro trimestre do ano no que nos atopamos o período medio de pago témolo en 55,51 días. Non cumprimos aínda, como a nós nos gustaría, o obxectivo de pago dentro dos 30 días, pero na comparativa respecto ao último trimestre do 2013 vemos unha evidente melloría”.
Flórez comentou ademais que na sesión plenaria aprobouse por unanimidade “o acordo de adhesión ao convenio o organismo autónomo da Xefatura de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias, que basicamente está encamiñado a un intercambio fluído de datos entre administracións que faciliten trámites administrativos, como por exemplo que cando unha persoa se empadroa nun concello eses datos vaian ás distintas administracións, como pode ser que se lle notifique á Xefatura de Tráfico, se a persoa así o desexa, ese cambio de domicilio para que conste no expediente do seu carné de conducir”.
A portavoz do goberno municipal fixo referencia tamén a que “dentro das mocións presentadas tíñamos unha do Bloque Nacionalista Galego, que presentou unha iniciativa do colectivo de emigrantes retornados da Mariña. Coa abstención do grupo popular facilitamos a aprobación da mesma porque o resto de votos foron a favor”.