LA FESTA DO MAIO SE CELEBRARÁ ESTE JUEVES CON EL TRADICIONAL RECORRIDO POR LAS CALLES DE VILANOVA. LA MADALENA, QUE EN ESTA OCASIÓN FUE ELEGIDA POR SORTEO, SERÁ UNA JOVEN LAURENTINA FÁTIMA REINO REIGOSA. DESPUÉS DEL DESFILE HABRÁ TEATRO

A Festa do Maio celebrarase este xoves co tradicional percorrido polas rúas de Vilanova, que empezará ás 16:30 horas e no que A Madalena, que nesta ocasión foi elixida por sorteo, será a rapaza laurentina Fátima Reino Reigosa. Despois do desfile haberá unha representación teatral no salón de actos da Casa do Concello.
A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou hoxe que “na tarde de onte, luns, na biblioteca municipal fíxose un sorteo público no que un pequeno usuario da mesma serviu como man inocente para extraer o nome da persoa que vai encarnar o papel da Madalena este ano. Había tres nenas e rapazas anotadas e a que saíu elixida no sorteo é a laurentina Fátima Reino Reigosa. Quero dar as grazas tamén á persoa que durante anos encarnou o papel da Madalena, a figura tradicional que simboliza á primavera e que acompaña á típica figura do Maio no desfile”.
Lupe Flórez destacou outra novidade que se inclúe este ano na Festa do Maio: “a posibilidade de que todos aqueles nenos e rapaces laurentinos, en grupos, en unidades familiares ou como desexen, elaboren figuras do tradicional Maio. A nosa pretensión é elaborar unha exposición, que estará montada na praza do Conde Santo durante a tarde do xoves 1 de maio. Repartíronse as indicacións entre os nenos do CEIP laurentino para fomentar a súa participación. O noso desexo é que esta tradición popular non se vaia perdendo no tempo senón que dende os máis pequenos se sintan implicados e desta maneira garantamos a súa continuidade no tempo. Así pois todas aquelas persoas que se animen a participar na elaboración destas figuras tradicionais do Maio deberán facelo ao longo destes dous días e na tarde de mañá será o momento de acercalas ao Concello. Para calquera dúbida ao respecto aconsellamos que se chame ao teléfono 982.12.15.52, da biblioteca municipal, ou que se pasen por alí. A responsable da mesma vailles indicar en que horario teñen que acercar estas figuras ao Concello e, xa na xornada do xoves, será persoal municipal o que se encargue de que todas aquelas figuras que nos acheguen as persoas que participen sexan expostas na praza pública. Tamén aconsellamos que os Maios que se elaboren vaian identificados para que os demais veciños sexan partícipes dos que foron os elaboradores de cada unha das figuras presentadas”.
En canto ao desfile do Maio a concelleira comentou que “será na tarde do xoves, 1 de maio. Sairemos ás catro e media do mercado gandeiro e percorreremos as rúas da nosa vila. Como noutras ocasións, serán os alumnos da escola municipal de música e danza Osorio Gutiérrez os que nos acompañen no aspecto musical durante o percorrido. E, por outra banda, quero agradecer tamén a todos aqueles veciños que de maneira desinteresada participan no mesmo lanzándolles caramelos aos nenos dende as súas casas”.
Flórez Seivane rematou anunciando que “a outra actividade que completará esta xornada do maio será no salón de actos arredor das seis da tarde, que é a hora á que contemplamos que rematemos co desfile, a actuación de Caramuxo Teatro, que porá en escena As fabas máxicas, un espectáculo de carácter infantil e familiar que chega ao noso concello a través da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, concretamente do Servizo de Normalización Lingüística. Esta actividade ven proposta dende a Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística. Non quero rematar sen deixar de expresar o agradecemento a aquelas persoas que traballan na ornamentación do Maio e do carro, que se vai facer na tarde de mañá, mércores, 30 de abril, no recinto gandeiro, así como a aqueles veciños que participan lanzando os caramelos e os agasallos para os nenos dende as súas casas”.